Os segredos desvelados do Mercado de Abastos de Santiago

Preséntase un documental que achega as investigacións científicas sobre a concepción da 'praza'

Preséntase un documental que achega as investigacións científicas sobre a concepción da 'praza'
Fotograma de 'Os segredos do Mercado de Abastos'
Do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, a 'Praza', dise que é o segundo lugar máis visitado polo turismo da capital galega despois da Catedral, o que o sitúa tamén na lista de máis visitados en Galicia. Onte presentouse o documental ' Os segredos do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela', producido ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022. Este traballo audiovisual de 35 minutos realizado por Pablo Francisco Soto Goluboff e Ruth Varela lle achega ao gran público nacional e internacional as pesquisas científicas inéditas de Varela sobre o mercado da capital de Galicia, obra do arquitecto Joaquín Vaquero Palacios (1900-1998), un exemplo de mercado, que resulta ser, na súa concepción innovadora e plasmación arquitectónica, único no mundo segundo este documento. O audiovisual presentouse publicamente onte no Salón Teatro de Santiago. Dos mesmos autores presentouse o pasado ano a peza 'Os segredos da escaleira de Bonaval', tamén ao abeiro do Fondo de Proxectos Xacobeo na súa anterior convocatoria e que unida con esta conforma un 'corpus' de investigación documental sobre a arquitectura compostelá.



O proxecto audiovisual contou coa colaboración de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade de Santiago de Compostela, con arquitectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e con material inédito do Arquivo Joaquín Vaquero Palacios, así como coa intervención do neto do arquitecto que proxectou a obra, o tamén arquitecto Joaquín Vaquero Ibáñez. O documental sinala que o Mercado foi pensado en clave identitaria, co obxectivo de integrar a aldea e o campo na cidade, o estilo románico co barroco e a tradición coa contemporaneidade, resultando un complexo arquitectónico moi celebrado desde a súa inauguración en 1943. A pesares da súa popularidade os seus valores e riqueza cultural seguen a ser descoñecidos, afirma o documental de Soto Goluboff e Varela que defende que ata o de agora non existía ningunha produción científica que abordase os detalles da concepción deste mercado.