
No seu texto, Delgado reivindica a importancia cultural que tivo o exilio mexicano ao que tivo que fuxir "sen tencionar compararnos cos galegos de Bos Aires, capital cultural da Galiza nos anos da posguerra, cando, despois da vitoria da metade dos españois, ficou a España maltreita, a intelectualidade decimada e a fala galega ás escuras, a emigrazón galega en México tamén acendeu o seu fachiño para escorrentar as tebras culturais", escribía. No texto lembra en primeira persoa a súa fuxida e agradece o acollemento que lle deu este país ao colectivo de exiliados galegos.
Entre estes, o discurso destaca o labor de nomes coma Roxelio Rodríguez de Bretaña, publicista de radio e primeiro secretario xeral do Padroado, o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Illa Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o daquela xa finado pintor Arturo Souto.
Precisamente o exilio mexicano do poeta valdeorrés e a súa actividade cultural neste país son os focos do terceiro capítulo da webserie documental que a RAG publicou na súa canle de Youtube este 28 de abril. Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é unha iniciativa desenvolvida pola produtora Miramemira e a guionista María Yáñez.