A exposición de rúa sobre María Casares comeza o seu percorrido en Santiago

Nos paneis de "100% María Casares. O teatro é o refuxio" abórdase a traxectoria persoal e profesional da actriz

Nos paneis de
Fonte: AGADIC
A exposición "100% María Casares. O teatro é o refuxio" comeza na na rúa Xoán XXIII de Santiago a súa presentación e itinerancia. Esta mostra promovida pola Xunta no marco da programación conmemorativa do centenario da artista está comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, e permanecerá nesta rúa ata finais de maio tras do cal desprazarase a diferentes espazos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará en novembro.

A mostra afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria para presentarnos a artista nacida en Galicia como "unha das grandes figuras do teatro internacional do século XX". A exposición artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela arredor de diferentes temáticas relacionadas coa traxectoria persoal e profesional de María Casares. Tras un primeiro panel introdutorio, abórdase a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz, A Coruña e Madrid, así como o exilio a París. Tamén se afonda na experiencia de María Casares na gran pantalla, a súa relación con Albert Camus, e a súa entrega ao teatro. O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, 'Con Galicia quero estar en desorde…', céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.