Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023

É a segunda cidade galega con este recoñecemento, que recaera en Ourense en 2014

21/4/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: políticas culturaissociedade
26 lecturas | Compartido 0 veces

Logo da Capital da Cultura do Eixo Atlántico

Representantes dos concellos galegos e portugueses integrados na organización transfronteiriza Eixo Atlántico seleccionaron este vinte de abril a cidade de Lugo como Capital da Cultura deste territorio para 2023. A da Cidade da Muralla foi a única candidatura que se presentou ao posto, e supón a segunda cidade galega en contar coa distinción que obtivera Ourense en 2014.
Segundo apunta a organización, a capitalidade cultural "naceu en 2007 con vista a potenciar a cultura en todas as súas expresións nas cidades do Eixo Atlântico contando sempre coa presenza cultural dos países historicamente conectados a Portugal e a Galicia" e escóllese cunha periodicidade bienal.

O Concello de Lugo anunciou a súa intención de desenvolver de cara a esta iniciativa un programa específico entre marzo e novembro do vindeiro ano no que contempla "non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, que se irán concretando da man dos concellos do Eixo Atlántico". Programas xa habituais da cidade, como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest tamén se integrarán nas propostas da capitalidade.

Segundo adiantou a alcaldesa Lara Méndez, a candidatura de Lugo inclúe unha "interesante proposta vinculada ao pasado e a tradición ao mesmo tempo que impulsa unha visión moderna de innovación e vangarda, cunha ampla oferta cultural que será de interese para a toda a sociedade e coa que esperamos fortalecer as sinerxías e a cooperación dos axentes culturais e sociais de Lugo cos distintos municipios galegos e lusos que pertencen ao Eixo Atlántico, como unha contribución esencial para o diálogo entre os pobos".

Universo culturagalega.gal