"Hai que poñerlle un pouco de música á vida", dicía sempre Ramón Castromil. E non abandonou nunca esa actitude. Quen foi presidente da empresa Castromil e vicepresidente do Consello da Cultura Galega desde 1998 a 2006, exerceu como pianista como discípulo de Ángel Brage, Carlo Zecchi e Guido Agosti, e tocou con destacadas orquestras españolas e europeas. No CCG promoveu numerosas actividades relacionadas co patrimonio musical galego, como na dirección do Arquivo Sonoro de Galicia, ou en iniciativas como a recuperación do legado musical de Pepito Arriola. Ramón Castromil foi un exemplo do compromiso cultural que podían acadar nas empresas galegas, vinculando os autobuses da compañía con nomes de relevancia da cultura galega ou a través de iniciativas como "Contos do Castromil", que permitían difundir a literatura galega en formato de peto. Foi recoñecido a partir de galardóns como o Pedrón de Ouro (1992), o da Crítica de Galicia no ámbito das iniciativas culturais (1993) ou o Premio das Letras e das Artes de Galicia en 2005.