Os IX Premios Platino recoñecen tamén o talento galego no audiovisual

Luís Tosar, Pepe Coira María Pujalte e a película 'Valentina' entre os finalistas do certame iberoamericano

5/4/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
47 lecturas | Compartido 0 veces

Premio Platino

Os 'Premios PLATINO del Cine y el Audiovisual Iberoamericano' contan entre os finalistas da súa IXª edición con algúns nomes e creacións saídos da escena audiovisual galega. O actor Luís Tosar, por Maixabel, é finalista ao Premio a Mellor Interpretación Masculina. Outro lucense, Pepe Coira está entre os catro finalistas iberoamericanos ao Premio Platino a Mellor Creador de Miniserie ou Teleserie Cinematográfica pola multipremiada 'Hierro', serie que tamén obtén candidaturas polo traballo interpretativo dos seus protagonistas masculino e feminino, Candela Peña e Darío Grandinetti. A película 'Valentina', de Chelo Loureiro, gañadora dun recente Premio Goya, figura tamén entre as finalistas na categoría de película de animación destes premios. Ademais deles, a actriz coruñesa María Pujalte opta como finalistas ao Premio Platino a Mellor Interpretación Feminina de reparto en Miniserie ou Teleserie, polo seu traballo en' Venga, Juan!'. Polo que gañou tamén recentemente o Premio Feroz, na mesma categoría.

Estes galardóns creados pola Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) en colaboración coa Federación Iberoamericana de Productores Cinematográficos y Audiovisuales (FIPCA), presentan catro finalistas por cada un dos seus premios, que se entregarán nunha gala o vindeiro 1 de maio en Madrid e terá retransmisión para televisións de toda Ibero América. Os Premios Platino buscan recoñecer aos profesionais da industria cinematográfica iberoamericana, que comprende nacionalidades europeas, suramericanas, norteamericanas e caribeñas sempre que a versión orixinal do filme sexa en castelán ou en portugués.


Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pepe Coira, Luís Tosar, Cine, Animación...

Claves

Protagonistas
Lugares