A Asociación de Escritores en Lingua Galega completa o seu relanzamento organizando unha chea de actividades

Sociedade de Letras

Hai xa vintetrés anos os escritores do noso país que traballaban no noso idioma decidiron organizarse para defenderen os seus intereses. A situación de conflicto lingüístico do noso país provocou que, ademais de preocuparse pola difusión da literatura e de reclamar mellores condicións de traballo e protección dos dereitos de autor, a Asociación de Escritores en Lingua Galega tivese que converterse nun axente máis de loita pola normalización do noso idioma. Logo de superar unha fonda crise, a AELG recuperou nos últimos anos o pulso, anovando a súa composición e desenvolvendo unha importante serie de iniciativas a prol da lingua e da literatura.

Cando en 2002 Bernardino Graña chegaba á presidencia da AELG, a entidade atopábase en plena crise. Graña substituía a Xosé María Álvarez Cáccamo, que ocupara o posto interinamente desde xullo do 2001 en substitución de Carlos Mella. Mella, elixido no mes anterior, só ocupou o cargo durante vinte días antes de dimitir. A situación da AELG non era daquela óptima. Unha composición avellentada, pouca participación dos socios, escasas actividades, a ausencia dun local... Graña e a directiva entrante enfrontábanse a unha boa chea problemas. Canda el incorporábanse á directiva novas caras, coa intención de achegar as xeracións de creadores ao control do colectivo. Despois de só un ano de traballo, problemas de saúde afastábano da directiva, pasando a ocupar o seu posto o dramaturgo Euloxio Ruibal, que anunciaba unha política continuísta centrada en anovar a asociación e en achegar a figura do escritor á sociedade. Ademais del, quedaban na directiva Yolanda Castaño coma secretaria, Carlos López Bernárdez coma vicepresidente, e unha serie de vocais ente os que estaban Rosa Aneiros, Rafa Villar, Henrique Rabunhal, Marta Dacosta, Marica Campo e Cesáreo Sánchez.

Novos socios
Nesta última etapa, a asociación recibiu un importante pulo. “Ademais de poñer ao día a lista de socios en activo, puxemos en marcha a captación de escritores novos, así coma de autores que non se incorporaran aínda ao colectivo en moitos casos pola simple razón de que non recibiran un convite”, explica Yolanda Castaño, secretaria da asociación desde hai un ano. Deste xeito entraron na AELG arredor de corenta novos autores, situando o número total de socios en máis de douscentos creadores dos máis variados estilos. “Desde esta directiva a idea era crear unha sociedade literaria o mais rica e plural posible, dentro dese requisito imprescindible que vén sendo ter un libro individual publicado”, apunta Yolanda, que cre acadado este obxectivo.

O local
Outra das vellas arelas que se conseguiron nesta nova etapa foi a consecución dun local. O edificio sindical da coruñesa rúa Alfonso Molina acolle na actualidade a oficina da AELG, aberta de dez a dúas e atendida pola poeta Enma Couceiro coma secretaria técnica. Teléfonos, enderezo de correo electrónico e unha páxina web actualmente en desenvolvemento son outros dos logros conseguidos nestes últimos tempos. O traballo continúa na busca de mellorar os servicios prestados aos socios e cara a unha profesionalización do colectivo. “Queremos prestar aos membros asesoramento legal, dignificar o labor do escritor e achegar a figura do autor á sociedade”, lembra Yolanda. A incorporación de novos membros á asociación e á directiva foi decisiva á hora de afrontar con éxito este proceso de renovación.

Actividades tradicionais
Entre os actos tradicionais que veu celebrando a AELG durante as últimas dúas décadas está a da homenaxe ao escritor na súa terra. Este evento que vai xa cara a súa décima edición, dedícase cada ano a un dos nomes máis destacados das nosas letras, coma Méndez Ferrín ou Xosé Fernández Ferreiro entre outros. Segundo explica Yolanda Castaño, “é un pouco o contrapunto ao Día das Letras, en canto a que se homenaxea un escritor vivo na súa propia terra de orixe”. Ademais, os escritores outorgan anualmente o premio AELG á obra máis destacada dos doce meses anteriores. “Este galardón está a consolidarse coma un dos de máis prestixio do país”, recoñece Yolanda. O premio consiste nunha pluma estilográfica de ouro e entrégase nunha cea literaria que xa se converteu tamén nun encontro clásico das nosas letras. A selección realízase por votación secreta dos socios, que teñen escollido obras coma “No ventre do silencio” de Méndez Ferrín, a poesía completa de Manuel María ou “O lapis do carpinteiro” de Manuel Rivas coma as mellores obras dos seus respectivos anos. Está en marcha durante este mes o tramo final da elección do 2003, e o día vinteseis de setembro coñecerase o gañador. Os finalistas polo de agora son “Gameleiros” de Miro Villar, “Resistencia” de Rosa Aneiros, “O libro dos aparecidos” de Xerardo Quintián e “Memoria para Xoana” de Marica Campo, aínda que existe a posibilidade da sorpresa, xa que as papeletas de voto inclúen a opción de votar outras obras.

Congresos
O colectivo participa activamente cada ano no encontro Galeusca, que reúne literatos das tres culturas minorizadas recoñecidas dentro do estado e que se organiza alternativamente en Euskadi, Galicia ou os países de fala catalana. Despois de acoller este encontro no 2001, os escritores galegos continúan representando a nosa literatura neste foro enviando unha delegación que se procura ir anovando de cada volta para dar a todos os membros a posibilidade de intercambiar experiencias con outras literaturas. Este ano, entre finais de outubro e comezos de novembro quince galegos achegaranse a Guernika para falaren de Literatura e Historia. Ademais do Galeusca, a AELG procura organizar cada ano un congreso temático. No 2001 foi o IV Congreso de Escritores, “o congreso central da literatura galega”, sinala Yolanda, que reuniu en Vigo os máis destacados representantes das nosas letras baixo o lema “Literatura galega, camiño de futuro”. No ano seguinte celebrouse o II Encontro de Escritores Novos en Mondoñedo, que agrupou as últimas xeracións das nosas letras para analizar a evolución da xeración poética dos noventa e as posibilidades da edición para a xente que comeza no mundo da literatura, entre outras cuestións.

2003
Neste ano marcado polo Prestige, a AELG convoca en Corcubión o I Congreso de Cultura Popular e Mariñeira, aproximadamente entre o dez e o doce de outubro. Veladas literarias, contacontos, relatorios sobre lingua, cultura, antropoloxía mariñeira e outras actividades achegarán o traballo dos escritores á zona máis afectada pola marea negra. Tamén haberá no encontro un espacio para lembrar a un poeta do mar (e antigo presidente da AELG) como Avilés de Taramancos. A inscrición para os interesados aínda está aberta no teléfono da asociación (981 13 32 33) ata o vindeiro tres de outubro. Por se fose pouco, para antes do final de ano a asociación está a traballar na organización dunha xornada poético-musical na que se abordará a relación dos textos literarios coa música galega, ademais de facer demostracións prácticas sobre esta simbiose. Como se pode ver, os escritores galegos son xente traballadora.