As series de televisión e o teatro seguen a ser as principais vía de entrada de caras novas no audiovisual

Promesas novas

Comparten a mesma inquietude que a do audiovisual. Son actrices, guionistas, directores e productores que soportan en carne propia ser parte do futuro do audiovisual deste país. Iniciados no teatro, nas series de televisión ou mesmo na casa, teñen un futuro prometedor. Son Marcos Petete, Carlos Alberto Alonso, Marta Larralde, Daniel Domínguez e Enma Lustres.

Son os acabados de chegar á industria e teñen en común dúas cousas. Ser novos e dedicarse ao mundo do audiovisual. Cada un deles chegou por camiños diferentes, por vocacións e motivacións diferentes, pero todos eles comparten o reto de seren as pedras sobre as que se asenta o sector audiovisual galego de mañá.

Marcos Petete (actor)

As series de televisión e os grupos de teatro fixeron de verdadeiras lanzadeiras ante a inexistencia dunha escola de teatro profesional. A aparición de Televisión de Galicia e, posteriormente, a súa decidida aposta por unha programación de producción propia, deu lugar á creación dunha canteira profesional sen espremer. Un diamante en bruto. Marcos Petete é un bo exemplo. É moi coñecido dentro das táboas e na televisión dará moito que falar. Actualmente anda metido no episodio piloto dun novo proxecto dos guionistas de Zopilote, no que se fará unha comedia de situación con presencia de público real. Será un dos formatos máis innovadores para un rapaz que promete volver coa segunda parte de “Crebinsky Blanco e negro” compartindo mesa e mantel outra vez con Miguel de Lira.

Marta Larralde (actriz. Vigo, 1981)

Ía camiño de ser unha atleta cando unha lesión a obrigou a repensar o seu camiño. Animada polo bo facer dun profesor entrou nun grupo de teatro e, de aí directa ao mundo do cine. “E empezoume -asegura Marta- a gustar o cine e a ver películas e máis películas, ata que dixen ‘quero facer isto’”. Estudiou Imaxe e Son en Vigo e a partir de aí comezou unha carreira meteórica. Agora mesmo está nas carteleiras con “Unha preciosa posta de sol” compartindo protagonismo con Marisa Paredes e Ana Torrent, e en breve volverá a Galicia (vive en Madrid desde hai ano e medio) para rodar “León e esquezo” que dirixirá Javier Bermúdez. Declara que “o que me gusta é dirixir e neste camiño fixen un documental ‘Un mar de recordos’, unha curta ‘A cor de agosto’, e un anuncio”, pero fixo numerosísimos traballos como axudante de dirección, realización... en resumo, unha todoterreo diante e detrás das cámaras que ten moito camiño por diante.

Carlos Alberto Alonso (director. Ferrol, 1970)

Cando Chano Piñeiro loitaba por facer cinema en Galicia, moitos dos actores que cobren a maior parte das series de televisión aínda non naceran. Sen embargo, todos saben quen é o autor de “Sempre Xonxa” ou de “Mamasunción”. O seu legado quedou vivo en xente coma Carlos Alberto Alonso no que se inspirou para facer “As muxicas”, un dos primeiros traballos que o deu a coñecer dentro do sector. Finalista no concurso de TVE “Versión Española”, coa que gañou numerosos premios. Agora mesmo ten entre mans unha curtametraxe, un drama rural de título “Esperanza”, inspirado na literatura de Mía Couto. Pero non só iso, Carlos Alerto Alonso confesa que está a preparar dúas longametraxes “unha coproducción dunha empresa catalana que será unha adaptación á galega de lendas da mitoloxía céltica; e unha película ambientada en Barcelona que é unha historia sobre a soidade, pero tratada como se fose unha historia coral”.


Emma Lustres (productora. O Grove, 1975)
“Tiña amigos que traballaban no mundo do audiovisual e seguín de cerca a traxectoria das productoras galegas” afirma Emma Lustres. E decidiu converter esta afección nunha forma de vida. Fixo un mestrado en producción e xestión audiovisual e aprendeu nunha das grandes productoras galegas, Continental, onde foi responsable do product placement da serie “Rías Baixas” e onde desenvolveu a preproducción e rodaxe da película para televisión “Entre bateas”. Pero o seu ía ser un camiño por solitario, e foi así como abriu unha productora baixo o nome de “Vaca Films”. Deste selo saíu “As loiras prefírenos cabaleiros” (2002, Alex Sampayo). Desde xaneiro deste ano está traballando en “proxectos propios, como ‘O partido’ unha película para televisión subvencionada pola Xunta de Galicia; a longametraxe ‘Meigas’con guión de Alex Sampaio ou ‘Os 99 nomes de Dios’ (thriller) cun guión escrito por Milagros Bará e que terá como director ao catalán Denis Rovira”.
Malia que é moi nova, Enma Lustres considera que “é importante especializarte non só no audiovisual, senón tamén dentro do audiovisual”. Por ese motivo, Vaca Films está interesada en facer longametraxes ou películas para televisión, pero de xénero fantástico porque é o que máis lle gusta.


Daniel Domínguez (guionista. Tui, 1981)
De tales pais tales fillos. Daniel é dun veterano guionista de series de televisión, longametraxes e curtametraxes, aínda que entrou no mundo do audiovisual por méritos propios. “O meu primeiro traballo non tivo moita relevancia porque foi un pequeno traballo como actor secundario, moi secundario, en ‘Blanca Madison’”.

Pero o seu era escribir e un día presentouse a unha proba para guionista da serie “Terra de Miranda” do grupo Voz Audiovisual e é no proxecto en que anda metido actualmente. Pero non só aí, con Lúa Espino, a súa colaboradora, teñen moitos proxectos escritos (curtametraxes sobre todo) que lles gustaría desenvolver, aínda que de momento non saben de qué maneira van levar a cabo esas produccións.




Emma, Marta, Marcos, Carlos Alberto e Daniel son algúns exemplos, pero hai máis nomes, xentes e caras dentro do audiovisual que están iniciando hoxe a súa carreira e construíndo os piares do audiovisual galego.