Un roteiro convida a coñecer a Costa da Morte da man de Labarta Pose

Consello da Cultura e Concello de Zas promoven esta iniciativa

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
Enrique Labarta Pose

Enrique Labarta Pose

O Concello de Zas acollía este sábado 12 de marzo a presentación do Roteiro Enrique Labarta Pose, que convida a coñecer a Costa da Morte a través de vinte e un espazos vencellados a este autor. Concello e Consello da Cultura Galega promoven este percorrido, que está dispoñible na rede con abondosa información sobre todas as etapas.

Segundo explica a presentación do proxecto, o roteiro propón "unha viaxe que nos leva a aqueles espazos que inspiraron ao escritor baiés para escribir moitas das súas poesías e dos seus contos". A partir do Centro Sociocultural de Baio, onde se pode ver unha exposición permanente sobre o autor, o percorrido transcorre polos concellos de Zas, Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. Nas paradas poden atoparse "igrexas, pedras máxicas, pontes antigas, patrimonio etnográfico, pazos, impoñentes faros e praias" vencelladas á obra literaria de Labarta, así como lugares que fan parte da propia biografía do autor.

Labarta Pose, nado en Baio en 1863, foi coñecido como o Quevedo Galego e desenvolveu un importante traballo en galego e castelán marcado polo seu emprego do humor. Cultivou narrativa, poesía e teatro, ademais de promover publicacións como Galicia Humorística (1888), La Pequeña Patria (1890), Extracto de Literatura (1893), Pasatiempos (1894) ou a recoñecida Galicia Moderna (1897), ademais de ser un dos pioneiros da fotografía no noso país.

Que che parece esta nova?
57 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Morte, Costa da Morte, Concello de Zas, Enrique Labarta Pose...