A MICE amosa á vida nos países da antiga Unión Soviética a través de catro realizadoras

Tres películas galegas entran na Sección Oficial para competición internacional

Tres películas galegas entran na Sección Oficial para competición internacional
Fotograma de Transnistra
A sección Impropias da 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, comisariada pola crítica e programadora búlgara, Mariana Hristova, fará un percorrido polas antigas terras soviéticas que, actualmente en contextos e fronteiras diferentes, aínda están conectadas, como vemos estes dias, por un pasado común que definiu a vida social, laboral e persoal dos seus habitantes. A través das miradas de catro cineastas, dúas delas rusas, unha ucraína e outra xeorxiana, a programación levará ao público a recantos pouco coñecidos do que no seu día foi a Unión Soviética, co foco posto na multiculturalidade do territorio, a vidá cotián despois da desintegración, así como tamén as perspectivas políticas e sociais que están agora mesmo no centro das miradas. As películas que se proxectarán dentro de IMPROPIAS son: 'Transnistra', da cineasta sueca Ana Eborn, 'Sunny/Mziuri' da directora xeorxiana Keti Machavariani, 'Vacacións', da directora rusa Maria Razbezhkina, 'The Hope Factory' , da tamén creadora rusa Natalia Meshchaninova, e 'Heat Singers', da ucraína Nadia Parfam.



A MICE do Museo do Pobo Galego recupera este ano a presencialidade de todas as seccións e actividades mantendo, nesta décimo sétima edición do festival, unha programación específica para o medio dixital. Gran parte do programa da Mostra do Museo do Pobo, que se celebrará en Santiago do 28 de marzo ao 2 de abril deuse a coñecer en recentes comunicados, nun dos que cales xa se avanzou a participación de tres filmes galegos na Sección Oficial internacional. A falta de coñecer as producións alleas coas que competirán, sabemos que serán tres as cintas a competición da nosa produción que competirán polos premios a Mellor Filme co resto das películas seleccionadas e Mellor Filme Galego entre elas. Os títulos, escollidos entre máis de 1000 candidaturas chegadas de todo o mundo, son 'Resonancias do pasado', de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, 'El último de Arganeo', de David Vázquez, e 'Notas sobre os cesteiros de Mondariz', de Fon Cortizo.



Seccións Trazas e Lindes
Ademais diso a MICE adianta o contido das outras seccións paralelas: Trazas e Lindes. Na sección LINDES, que busca actuar coma punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico, proxectaranse 'Nación', de Margarita Ledo, 'A virxe roxa', de Marcos Nine e 'Cadernas de Olloboi', un documental sobre o cine nas aulas galegas nos últimos 10 anos que se poderá ver na sesión inaugural da 17 MICE. En TRAZAS, na que a MICE colabora co Cineclube de Compostela, acudirá como convidado especial o cineasta catalán Ferrán Llagostera, co filme 'El mar de los peces. Notas sobre el Gran Sol' . Tamén se proxectarán nesta sección 'O něčem jiném', de Véra Chytilová, 'Les prostituées de Lyon parlent' de Carole Roussopoulos, 'Three Quarters', de Kevin Jerome Everson, 'Shannon one design', de David y Sally Shaw-Smith, e 'Classe de Lutte', de Groupe Medvedkine de Besançon. Trazas busca visualizar os traballos invisíbeis, os temas tabús normalmente apartados da cultura obreira a través dunha serie de propostas formal e tematicamente provocadoras. Entre as actividades que se celebrarán tamén hai obradoiros de formación e mesas de debate.


El último de Arganeo Tráiler.mp4 from David Pinancho audiovisuais on Vimeo.