O concello de Cervo aproba o plan especial para o sitio arqueolóxico de San Cibrao

Inclúe a musealización dos restos do castro e a demolición de edificios na Atalaia

A urbanización de novas áreas da península de San Cibrao, no concello de Cervo, durante o bum urbanístico da década dos 2000 provocou no seu momento unha enorme lea política. A edificación afectaba ás estruturas arqueolóxicas do castro da Atalaia que, nas diferentes campañas levadas a cabo entre 2006 e 2009, se revelaron como un importante sitio longamente habitado, desde a Idade do Ferro ata época medieval. Agora o concello de Cervo aprobou un plan especial para a península, que está pendente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. O obxectivo do plan é regular os usos e posibilidades do espazo e a creación dun parque arqueolóxico urbano e musealizado con carteis explicativos, así como a consolidación das estruturas arqueolóxicas. O Plan tamén inclúe, segundo El Progreso, a "necesidade de expropiar as parcelas precisas para que o ámbito sexa de propiedade pública e demoler as edificacións que entorpecen as excavacións no subsolo". Cómpre lembrar que a última intervención arqueolóxica na Atalaia desvelou a existencia dunha posible sauna excepcionalmente conservada baixo unha das rúas edificadas. O Concello tamén contempla a adquisición e demolición dun edificio baleiro e doutro inmoble que quedou a medio facer.