O CGAC repasa os seus fondos na mostra Cruzamentos

A iniciativa poderá verse en Compostela ata o vindeiro 19 de xuño

A iniciativa poderá verse en Compostela ata o vindeiro 19 de xuño
Imaxe da exposición Cruzamentos no CGAC. Fonte: CGAC.
Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC é o título da mostra que abría este 4 de marzo no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela. O proxecto, comisariado por Sara Donoso e Santiago Olmo, recolle traballos dunha vintena de artistas, con Pablo Barreiro, Jacobo Bugarín, Salvador e Juan Cidrás, Andrea Costas, Angela de la Cruz, Eva Díez, Patricia Dopico, Amaya González Reyes, Rubén Grilo, Juan López, Loreto Martínez Troncoso, Chelo Matesanz, Vítor Mejuto, Antonio Murado, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Ana Pérez Ventura, Isaac Pérez Vicente, Montse Rego, Rodríguez-Méndez, Xavier Toubes, Mauro Trastoy e Damián Uceda a compor a listaxe.

Cruzamentos fai parte do proxecto Unha mirada a Galicia co que xa se puideron ver parte das pezas desta proposta no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e no Museo do Mar de Vigo. A intención desta iniciativa é convidar "a percorrer a nosa historia da arte máis recente a través do traballo de artistas cuxas obras se foron incorporando á Colección CGAC nas dúas últimas décadas".

Segundo destaca na súa presentación, a mostra achega "unha mirada, particular pero colectiva, que logra entrelazar determinadas afinidades creativas sen por iso ocultar as disonancias co fin de debuxar unha cartografía, repleta de pregos, desde a que se asomar aos modos de proceder, conceptualizar ou concretar a creación contemporánea galega".

A partir de enfoques narrativos e abordaxes plásticas "que foron construíndo parte da memoria visual do noso panorama plástico" o proxecto "reivindica o rico e o diverso, conectando artistas de longa traxectoria con creadores e creadoras novos ou de media carreira, artistas que crean desde Galicia e outros que o fan en diferentes puntos da xeografía".

O CGAC incide en que a mostra "volve situar a colección como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión" e reivindica esta como "un intenso proceso de documentación, unha precisa ferramenta de análise que serve para comprender mellor e simbolicamente o noso tempo".