Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González; o presidente e responsable de Cultura da Cámara Municipal de Valença, Jose Manuel Carpinteira; a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; o xefe territorial da Xunta en Pontevedra, César Pérez Ares; e representando á organización do MUMI, Diana Martins e Manuel Vicente Roxo.
Na pasada edición participaron máis de 80 artistas e 132 profesionais galegos e portugueses do sector musical, entre axencias, programadores públicos e privados, xornalistas culturais, empresas de servizos, discográficas e editoras. Cerca de 2.000 visitantes se achegaron a participar e gozar dunha programación cultural e turística que encheu durante 3 días as rúas e espazos de ámbalas dúas cidades, ofrecendo un total de 19 concertos, 5 conferencias e decenas de encontros de negocios arredor da música. Un dos grandes obxectivos do MUMi é atraer programadores do sector público e lograr que a feira se converta nun obrigado punto de encontro para as contratacións artísticas dos concellos e cámaras municipais dos dous territorios. O MUMi pretende afirmarse, no prazo de 5 anos, como a Feira Internacional da Lusofonía, unha cita anual que permita explorar novas posibilidades dun sector estratéxico, servindo de escaparate e punto de encontro para ambos países, e tamén para todas aquelas empresas, entidades e iniciativas que atopan na música un espazo de promoción e diferenciación a través do mecenado e a esponsorización, como xeito de posicionamento no seu propio mercado.



