A Biblioteca de Pardo Bazán en Meirás xa é BIC

O Consello da Xunta aproba a declaración de ben de interese cultural dos volumes que custodia a RAG e os do Pazo de Meirás

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás
O Consello da Xunta deu hoxe visto e prace ao decreto que declara ben de interese cultural (BIC) e recoñece "a singularidade e carácter único" da colección particular da autora, que inclúe 7.883 libros custodiados na sede da Real Academia Galega e 2.972 rexistros no interior de Meirás, estes últimos xa estaban alí cando o ditador Francisco Franco se fixo co inmoble. O recoñecemento do valor cultural supón a protección e salvagarda do total de 10.855 volumes. No proceso non se recibiron alegacións e contouse con todos os informes favorables dos órganos asesores: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

Á hora de acreditar este recoñecemento, o decreto cualifica o conxunto bibliográfico como unha "colección esencial" tanto por ser unha biblioteca creada pola propia autora, un dos grandes referentes da creación e a intelectualidade da súa época, como por ser froito das súas relacións cos seus contemporáneos. Valórase tamén o "especial valor cultural" da colección, como testemuña dun período histórico, ao ser un patrimonio material que contribuiría ao coñecemento sobre esta etapa da historia cultural de Galicia. Do mesmo xeito, o decreto salienta o valor dos volumes. A gran maioría son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a Pardo Bazán, e abranguen literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación da literatura galega. Ademais, a existencia de subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora e outros elementos como ex libris e dedicatorias personalizadas convérteos en únicos.

A declaración como ben de interese cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán farase efectiva tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. É un recoñecemento de valor cultural que supón un réxime de máxima protección e tutela, que non afecta a titularidade do ben. As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas, entre outras cuestións, á conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración. A aprobación deste decreto supón a suma de tres bens declarados BIC en Meirás. A primeira foi en 2008, coa declaración do Pazo coa categoría de sitio histórico, e a segunda en 2019 coas nove estatuas da portada exterior do Pórtico da Gloria obra do Mestre Mateo, dúas das cales están actualmente en Meirás. Complétase agora coa declaración da Biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Nestes momentos a Xunta e Goberno central negocian un convenio para ampliar o BIC do Pazo de Meirás co obxectivo de incluír determinados elementos do interior vinculados a Pardo Bazán e ao ditador Francisco Franco. Trátase dun procedemento en paralelo co proceso xudicial en marcha para determinar a propiedade dalgún destes bens e cuxa vista está pendente de data, tras terse aprazado dúas veces.