Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena

Laura Iturralde, Marta Verde, Fran Sieira, Iago Pico, Silvia Iria Miramontes e Jorge de Álvarez no equipo que acompaña as pandeireteiras en Benidorm

Laura Iturralde, Marta Verde, Fran Sieira, Iago Pico, Silvia Iria Miramontes e Jorge de Álvarez no equipo que acompaña as pandeireteiras en Benidorm
Lona promocional de Tanxugueiras en Madrid
O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.

A profesora de danza Silvia Iria Miramontes coordinará os movementos de Tanxugueiras e o coreógrafo e bailarín Fran Sieira é o responsable de deseñar o baile do equipo que estará sobre o escenario. O espectáculo completarao o músico e produtor Iago Pico (responsable de Pouland Studios e co-autor, con Tanxugueiras, de 'Terra') ao fronte da percusión electrónica. O vestiario é obra do deseñador ourensán Jorge de Álvarez (finalista nos Premios Nacionais á Moda no 2021). O espectáculo completarase con audiovisuais da artista visual e creativa galega Marta Verde (profesora no Berklee Collage of Music de Valencia). “O espectáculo conxuga o tradicional co contemporáneo en todos os seus elementos, especialmente apoiada polo vídeo e vestiario”, sinala Iturralde, quen define a proposta como “sinxela, elegante e emotiva”. Coa intención de espallar o apoio a Tanxugueiras e dar a coñecer a súa candidatura, PlayPlan Cultural e Calaverita penduraron este luns 24 unha grande lona no centro de Madrid, na rúa Alcalá, coa foto das pandeireteiras. A faixa fai unha chiscadela ao público de fóra de Galicia sobre a correcta pronunciación do seu nome (Tanchungueiras?) á vez que destaca a frase 'Non hai fronteiras', un dos retrousos do tema 'Terra'.

Novo tema con Rayden
En colaboración con outro dos aspirantes a Eurovisión que estará en Benidorm, o rapeiro madrileño Rayden, Tanxugueiras publicará este venres 28 de xaneiro, Averno, o seu novo sinxelo. O tema, que formará parte do seu novo disco, é a primeira colaboración que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro gravan co Rayden. 'Averno' nace como unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a raiba. A expresión e liberación da mesma é o eixe que vertebra unha canción na que, como é habitual no repertorio das Tanxugueiras, parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo; ademais de conxugar lírica de creación propia e popular.