O acceso a Internet en Galicia xa non presenta as diferenzas entre homes e mulleres que mantivo durante anos. Así o asegura o informe A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero, que fixo público este 15 de xaneiro o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Segundo a análise, que recolle datos de 2020, no último trimestre dese ano un 87,8% das mulleres accederon á rede, así como un 87,5% dos homes. A cifra revela que o uso de Internet por parte das mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea, segundo sinala a Xunta nun comunicado.

As diferenzas no uso da rede víñanse reducindo desde 2016, cando os homes superaban as mulleres en tres puntos porcentuais. Por tramos de idade, o acceso entre as mulleres supera ou iguala a porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos. Só en 2019 o incremento na conexión das mulleres foi de 2,5 puntos.
En canto á utilización de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet ou outros), o 91,4% das mulleres galegas fronte ao 91,2% dos homes utilizaron estes dispositivos nos últimos tres meses do ano estuado. De xeito máis concreto, o uso deste tipo de dispositivos entre as mulleres galegas de máis de 34 anos de idade é igual ou superior ao dos homes das mesmas idades.

