
O corpo do poeta foi soterrado en Lugo trala súa morte en 1999 xa coa intención de que estivera alí provisionalmente ata que fose posible o seu traslado ao lugar elixido polo autor para descansar o corpo na terra: o seu amado Courel. "En Lugo estaba nun lugar perfecto, descansando entre amigos, entre Ánxel Fole e Pimentel e outros moitos", explica Uxío, "alí o concello xa nos dixo que colocará tamén un memorial no seu recordo para lembrar que estivo alí durante máis de vinte anos", asegura. Xustamente o vindeiro mércores, 19 de xaneiro, cumprirase o 92 aniversario do nacemento de Novoneyra, unha coincidencia que resalta positivamente o fillo e presidente da Fundación que xestiona o seu legado.
Segundo comunicou o goberno local lugués, mañá, na entrada principal do Cemiterio de San Froilán (Lugo) farase un pequeno acto de despedida á saída dos restos fúnebres que consistirá na lectura dun poema e na interpretación do Himno Galego. Ao acto asistirán representantes do Goberno de Lugo xunto con integrantes dos distintos grupos da Corporación Municipal e Provincial. Tras diso os restos chegarán a un sitio moi especial na Fundación, repousando baixo un monumento memorial deseñado polo arquitecto Xosé Allegue, elaborado en pedra local e feito por canteiros do Courel, acompañado dunhas figuras en bronce do escultor Óscar Aldonza. Estará situado nun lugar preferencial, no centro da fachada principal e baixo o balcón central e ao seu redor plantaranse roseiras que o circunden.