Nós Diario edita un facsímile do derradeiro número da revista Nós

A súa distribución foi paralizada polo golpe de Estado de 1936

O derradeiro número da histórica revista Nós estaba xa impreso e gardado nos almacéns da imprenta de Ánxel Casal en Santiago de Compostela cando se produciu o golpe de estado do 18 de xullo de 1936. Os fascistas entraron na casa de Ánxel Casal e queimaron boa parte do que alí atoparon, incluídos eses exemplares nos que figuraban traballos sobre a "nova poesía galega", de Fernández del Riego, primeiros capítulos de novelas de otero pedrayo ou un artigo sobre o Santo Graal de Vicente Risco, entre outros contidos. Só se salvaron dous exemplares: un rescatado polo crego Xesús Carro que acabou nas mans do xornalista Xosé Ramón Fernández Oxea, e outro no arquivo do xornalista Eleuterio González Salgado. Precisamente, o neto de González Salgado, Xosé Lois Carrión, cedeu a Nós Diario o exemplar a partir do que se realizou o facsímile que o xornal distribuirá o 31 de decembro.