Míriam Ferradáns gaña o premio de xornalismo literario Fernández del Riego

A poeta acadou o galardón polo artigo 'Dalias' publicado en Nós Diario

Míriam Ferradáns                              Foto: Nós Diario
Míriam Ferradáns Foto: Nós Diario
O artigo 'Dalias' publicado en Nós Diario o 10 de novembro do pasado ano 2020 valeulle á poeta Míriam Ferradáns o Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego na súa XVIIIª edición. Así o desvelou onte o xurado no Café Moderno Afundación de Pontevedra, onde acudiu a autora a recoller o seu premio. Acompañaron a premiada, ademais das outras dúas mulleres finalistas, Patricia Hermida e Cláudia Morán, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vocal; Cristina Pato, vocal; e Gloria Rodríguez López, vocal. Os artigos finalistas desta edición foron, ademais do da premiada, 'Historia de como avó Antonio subiu ao ceo' por Patricia Hermida, publicado o 5 de maio de 2020 en El Correo Gallego; e 'Un deserto' por Cláudia Morán, publicado o 18 de novembro de 2020 tamén en Nós Diario. O premio inclúe unha retribución de 10.000 euros.

O xurado constataba a dificultade na elección debido á elevada calidade dos tres textos, e como, tras intensas reflexións 'Dalias' resultara seleccionado. O Premio Afundación de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística das e dos profesionais da escrita que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. Míriam Ferradáns (Bueu. Bon, 1982) é graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, a súa actividade laboral está vinculada ao ensino académico de adolescentes e nenos así como á súa formación psicosocial. Como poeta ten publicados os libros 'Deshabitar unha casa' (2016) e 'Nomes de Fume' (Ed. Espiral Maior 2017), cos que gañou, respectivamente, o Premio de Poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Con 'Do tacto', breve poemario recollido na obra colectiva Roseira de cen Follas (2019), recibiu o Premio de Poesía Leiras Pulpeiro. A finais do ano 2019 aparece o seu libro 'Agosto', editado por Apiario. Mensualmente, desde fai tres anos, pódese ler a súa columna de opinión no Nós Diario.