Un repaso por 25 anos de normalización

A CTNL publica cinco vídeos a repasar a traxectoria e o futuro do traballo coa lingua

En 1996 constituíase formalmente a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. No final deste 2021, a conmemorar os seus 25 anos de traballo, a entidade acaba de publicar cinco vídeos nos que repasan diversos aspectos do percorrido da asociación. Os primeiros anos do colectivo, o contexto de traballo, a relación cos Servizos de Normalización Lingüística, as actividades e recursos desenvolvido neste tempo e mais o presente e o futuro do colectivo protagonizan cada unha destas gravacións, que conduce Rosa Aneiros.

As pezas, que se viñeron publicando entre o 15 e o 19 de decembro, están dispoñibles nas redes da asociación. Con elas, a coordinadora pretende "difundir e lembrar o labor da CTNL, dos e das técnicos/as de normalización lingüística e do traballo feito ao longo deste cuarto de século", así como "facer unha panorámica das claves sociolingüísticas que caracterizaron estes 25 anos e a súa repercusión na normalización lingüística" e mais "reflexionar sobre o futuro da normalización lingüística como proceso social e como ámbito de traballo".