"Unha cesta de Nadal con jazz, comedia, canto tradicional, a palabra verdadeira do teatro, música teatral, arias de ópera, a conciencia critica, a lembranza emocionada, a danza, o sabor da cultura popular, un pouco de historia e uns petiscos de vangarda". Así presenta a Federación Galiza Cultura A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, a homenaxe que artellou para o recoñecido dramaturgo e que se celebra este 19 de decembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a partir das 19 horas.
Monica de Nut e Virxilio da Silva, Mofa e Befa, Bernardo Martínez e Fito Ares, Quico Cadaval, a danza da Cia. Ana Beatriz Pérez e Armando Martén, Luisa Merelas, e as palabras certas de Cristina Domínguez e Xesús Pisón farán parte desta celebración, que pretende "reunir as persoas que queren e admiran ao autor do Valadouro, así como ofrecerlle un agasallo", segundo sinala Galiza Cultura, que salienta a importancia fundamental de Lourenzo na configuración do teatro galego contemporáneo, co seu traballo como autor e coa súa participación de proxectos como a Escola Dramática Galega, O Facho, Casahamlet ou Teatro Circo.
Ademais da Federación, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do Concello para esta celebración, tamén a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega se sumou á celebración. Segundo explica esta entidade Lourenzo é "o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos" que compoñen unha obra que constitúe "en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana". Ademais, a entidade destaca que "grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida".