Galaxia publica A historia do cómic en Galicia

Octavio Beares asina este repaso pola evolución da novena arte no noso país

Desde os autores pioneiros do século XIX ata os máis novos exemplos da novena arte no país. Octavio Beares, investigador, crítico e comisario acaba de publicar na editorial Galaxia A historia do cómic en Galicia, unha publicación na que compila o percorrido da banda deseñada galega. A obra preséntase ao público este 17 de decembro na libraría Cartabón de Vigo nun acto que se desenvolverá a partir das 20h e no que o autor estará acompañado da divulgadora da BD Neves Rodrígurez.

A partir de traballos fundacionais como As orixes do cómic galego de Rosario Crespo, Os pioneiros da banda deseñada galega, 1971-1979 de Xulio Carballo Dopico, textos de Carlos Portela ou Breixo Harguindey, ou de contidos publicados no Soportal BD de Culturagalega.gal, o autor sistematiza ao longo de 128 páxinas a evolución dos nosos cadriños, a dedicarlle un capítulo específico a un autor tan senlleiro como é Miguelanxo Prado.

O traballo bibliográfico compleméntase con entrevista a diferentes artistas e editoriais deste sector, a achegar unha cronoloxía que recolle os grandes fitos da arte e os nomes máis destacados que a impulsaron ao longo a súa evolución ata o ano 2020.