
Á mostra itinerante súmanse diferentes actividades como a celebración dun gran simposio en Santiago de Compostela no mes de xuño. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a referentes das artes plásticas e da investigación académica que abordarán a figura de Laxeiro e o seu contexto cultural e social. O Ano Laxeiro buscará promover o legado do artista entre os máis novos. Por iso, producirase material divulgativo e didáctico que estará dispoñible para os centros educativos galegos. Tamén haberá propostas no eido audiovisual, coa estrea do documental 'O meu veciño Laxeiro', que repasará o seu percorrido vital e artístico por Lalín, Vigo e o seu vínculo con Arxentina. Producirase unha peza musical específica, A fantasía musical Pintor Laxeiro a cargo do compositor José Luís Represas, que elaborará unha melodía popular que se vincule con Laxeiro e o Concello de Lalín. O Ano Laxeiro contará coa creación dun espazo dixital para acceder aos traballos de Laxeiro e á programación específica a través da páxina de Cultura da Xunta de Galicia. Toda esta programación contará cunha imaxe específica da efeméride que será elaborada polo artista lalinense Antón Lamazares na honra de Laxeiro. Estas actividades celebraranse coa implicación de diferentes entidades e institucións culturais de distintos territorios, como a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Concello de Lalín, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid ou a Embaixada de España en Francia.