Cúmprese o medio século da fundación en Bos Aires das Mocedades Galeguistas

Mozos de hai cincuenta anos

A finais de agosto 1953 Bos Aires vía nacer un peculiar colectivo. Tomando o relevo da Federación de Mocedades Galeguistas que existira en Galicia entre 1934 e a Guerra Civil, un grupo de mozos creaba as Mocedades Galeguistas de Bos Aires, unha sociedade que mantería a lapa da cultura da outra banda do Atlántico que daría lugar a unha boa cantidade de iniciativas culturais.

Fillos do exilio e da emigración, nacidos en Galicia ou directamente en Arxentina, a comezos dos anos 50 abondaban en Bos Aires os mozos e mozas cun ideario galeguista. Este ideario contaba con moitos seguidores na comunidade galega porteña, e vírase reforzado en boa medida durante os anos posteriores á Guerra Civil coa chegada dos exiliados e cun labor de divulgación no que aínda estaba fondamente presente a pegada de Castelao, morto co comezo da década.

Nacemento
Neste favorable caldo de cultivo o 22 de agosto de 1953 reuníanse no local do Centro Ourensán un grupo de mozos convocados por Vidal Pérez Graña, da Estrada, que contou coa colaboración de Antón Moreda e de Antón Santamarina neste labor. Desta primeira xuntanza saíu a asociación cos obxectivos de coñecer e espallar a cultura e a realidade galega desde todos os eidos, cultura, historia, xeografía, economía, lingua... Veteranos galeguistas coma Bieito Cupeiro e Manuel Pedreira apadriñaban o novo proxecto, que se integraba na Irmandade Galega, participando cos máis novos en mesas redondas e xuntanzas e orientando a súa busca de saber sobre o país.

Xente nova
A aceptación do novo colectivo entre a mocidade galega ou descendentes de galegos de Bos Aires foi moi boa, e deste xeito, só dous anos despois da xuntanza fundacional había xa cincuenta e nove socios. Entre estes, nomes coma Xosé Neira Vilas, Manuel Cordeiro, Xosé Casal, Olga e Pilar Ares, Pilar Jeremías Cela ou Clotilde Iglesias sumábanse aos dos promotores do colectivo. Todos estes mozos e mozas desenvolvían actividades coma a conmemoración do Día de Galicia Mártir ou o aniversario da votación do Estatuto de Autonomía de 1936, coordinando as súas actividades coas dos centros galegos e coa Comisión Intersocietaria, que agrupaba daquela oito sociedades de galegos residentes en Bos Aires.

Estudiar o país
A partir das xuntanzas periódicas que realizaban para estudiar diferentes aspectos de Galicia analizaron polo miúdo “Sempre en Galiza”, libro que lles servía a miúdo como guía desde a comezar os debates. Ademais destes temas abordaron cuestión s que aínda a día de hoxe están pouco investigadas ou comezan a ser coñecidas polo miúdo. Por exemplo o traballo cinematográfico do director Carlos Velo, exiliado en México, ou a obra do Seminario de Estudios Galegos, desaparecido coa Guerra Civil. Ademais trataron outros temas coma as revoltas irmandiñas, o Rexurdimento ou a significación de Rosalía entre moitos outros. Segundo sinalou o propio Neira Vilas no seu discurso de ingreso á Real Academia Galega “aquela mocidade galego-porteña dispoñía dunha cultura e dunha información sobre Galicia impensable para a mocidade desta orela”.

”Adiante”
As Mocedades Galeguistas chegaron a editar un boletín propio realizado integramente en galego, o “Adiante”, que iniciou a súa andaina en xaneiro de 1954. Xa no primeiro número desta publicación se recollen as numerosas actividades que a asociación desenvolvera desde a súa fundación, e que ían desde a creación dun “Decálogo do bo galego” a un “breve curso de nacionalismo galego”, pasando por homenaxes a Curros Enríquez, Pardo de Cela ou Manuel Ponte, actos sobre a bandeira, o himno e a fala ou mesmo a elaboración dun pequeno “Vocabulario para falar ben o galego” que se ía publicando por entregas neste boletín. Como non podía faltar nunha organización formada por mozos e mozas, tamén se anuncian a organización das Foliadas das mocedades” e de varias excursións campestres.

Outras actividades
As Mocedades Galeguistas impulsaron, xa en 1953, unha renovación do pacto Galeuzca, coordinándose con entidades xuvenís catalanas (Juventut Catalana) e vascas (Acción vasca). Tamén desde este colectivo se promoveu a creación da AGUEA (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas), que pretendía agrupar aos intelectuais do noso país exiliados en Buenas Aires. Esta entidade desenvolveu unha intensa actividade cultural, con numerosas conferencias e clases no Centro Galego a cargo de profesores tan destacados coma Eduardo Blanco Amor ou Rafael Dieste. Tamén participaron as Mocedades na creación da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, fundada en 1959.

Na busca do reencontro
En agosto de 2003, durante a celebración da Feira do Libro na Coruña, Xosé Neira Vilas e Pilar Jeremías Cela, dous dos vellos membros do colectivo, propuxeron realizar un encontro entre os antigos integrantes das Mocedades. Na actualidade moitos deles continúan espallados por diversos países do mundo, de Galicia a Arxentina ou en Norteamérica, vencellados aínda a actividades en defensa da cultura e da identidade de Galicia. Celebraríase con este encontro o cincuenta aniversario dun grupo que desenvolveu no exilio un labor tan importante coma descoñecido aínda no noso país. Resta só que algún dos actuais colectivos ou institucións galegas recolla a luva e se poña mans á obra para xuntar aqueles mozos de hai cincuenta anos.