8 imaxes para viaxar á Galicia do século XVI

Co gallo da presentación do libro A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide

Co gallo da presentación do libro <i>A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide</i>
Pontevea. Foto: José Caruncho
O pasado sábado presentouse en Melide, nun evento organizado polo concello, o libro A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide, co que o Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega homenaxearon o 501 aniversario da xuntanza que, o 4 de decembro de 1520, xuntou en Melide aos principais aristócratas do país. Nela, a aristocracia galega demandou o voto en Cortes e unha serie de peticións, como a apertura dunha Casa de Contratación para desenvolver o comercio das especies entre as Illas Molucas e o norte de Europa. Na publicación participaron oito especialistas que analizaron o propio acontecemento, as súas consecuencias, a Galicia do seu tempo e a configuración urbana do Melide da época. Pódese descargar de balde no web do Consello da Cultura Galega. Co motivo da publicación do voluem, o fotógrafo José Caruncho realizou unha serie de fotografías que percorren oito espazos da Galicia do século XVI.



1. Porta de San Miguel (A Coruña).

Antigamente coñecida como Porta da Carlos V, porque a principios do século XX asociouse como a porta do embarque de diferentes reis. O último deles, Carlos V, en 1520. En realidade foi edificada en 1595 por Diego Parragués das Mariñas, capitán xeral de Galicia, unha interesante figura aristocrática de finais do Renacemento galego. A Coruña era a sede da Capitanía Militar de Galicia.



2. Sepulcro de Fernando de Andrade.

A igrexa atesoura o sepulcro dunha das figuras históricas clave da Galicia de principios do século XVI, o aristócrata Fernando de Andrade, finado en 1542. Andrade desempeñou unha activa política de reivindicación do reino de Galicia fronte á monarquía de Carlos V, reclamando o voto para o reino durante as cortes celebradas en Santiago en abril de 1520 ou na Xunta do Melide de decembro do mesmo ano. Fernando de Andrade foi un importante heroe militar, vencedor da batalla de Seminara (Italia).



3. Fachada da basílica de Santa María (Pontevedra)

Un fenómeno especialmente chamativo do tempo do emperador Carlos V é a xeneralización da súa efixie (acompañado ás veces da súa muller Isabel de Portugal) en diferentes edificios eclesiásticos e civís de Galicia, como fachadas de igrexas ou de pazos.



4. Complexo fortificado de Monterrei

A alta aristocracia galega distinguíase por ubicar as sedes dos seus estados en montes que desempeñaban un importante referente simbólico nos seus territorios, como os Lemos en Monforte ou os condes de Monterrei no val de Verín. Estas fortalezas, moitas veces construídas sobre antigas edificacións, cobraron especial importancia pacega nos séculos XVI e XVII, converténdose en auténticas residencias aristocráticas, con pequenas cortes e amplos poderes xurisdiccionais.



5. Claustro de Fonseca (Santiago de Compostela)

Non se pode entender o século XVI galego sen a figura do arcebispo Alonso III de Fonseca. Humanista en contacto con figuras como Erasmo de Rotterdam, non só exerceu un liderazgo intelectual a partir de Santiago de Compostela, senón que era o señor feudal máis importante da Galicia do momento. Fonseca deu un importante pulo á Universidade de Santiago, que vai ser fundamental para o desenvolvemento de Galicia nos seguintes anos.



6. Pontevea (Teo)

A Galicia do século XVI vive unha certa mellora das súas comunicacións, coa reforma ou construción de novas pontes que facilitan o desenvolvemento das comunicacións e do comercio. Ao tempo, o comercio marítimo intensificarase, incrementando o número de transaccións nos portos do país e facilitando a creación dunha nova burguesía amparada nese comercio.



7. Convento do Sancti Spiritus (Melide).

De orixes baixomedievais, o convento de Sancti Spiritus é un bo exemplo das fundacións monásticas que nos séculos XIV e XV se estableceron extramuros das vilas galegas e que, en moitos casos, recibiron un importante impulso por parte de benefactores laicos ou eclesiásticos a finais do século XV.



8. Portada da igrexa de San Pedro (Melide)

O magnífico pórtico románico que hoxe se pode admirar ao carón da estrada xeral, na capela de San Roque de Melide, procede en realidade da igrexa parroquial de San Pedro, que se atopaba no interior da muralla. A terra de Melide alberga notables exemplos de arte románica que revelan a importancia da súa localización, no centro do reino de Galicia e ao carón dunha vía importante, tamén empregada polos peregrinos que ían camiño de Santiago. Foi por esta céntrica posición no mapa de Galicia que fora escollida como lugar de celebración de asembleas no reino de Galicia en diferentes momentos da súa historia.