Unha nova xeración de Meniños Cantores volve tender a ponte musical nas beiras do Miño

O segundo volume deste proxecto de Ponte...Nas Ondas! presentouse hoxe no Consello da Cultura Galega

O segundo volume deste proxecto de Ponte...Nas Ondas! presentouse hoxe no Consello da Cultura Galega
Arredor de trinta anos teñen agora algunhas das crianzas protagonistas do primeiro volume de 'Meniños cantores' publicado en 2005, un proxecto baseado na música e compartido por centros de ensino das dúas beiras da fronteira entre Galicia e Portugal. Case dezasete anos despois, unha nova xeración ven de ser recollida no 'Meniños cantores. Volume 2' que foi presentado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega en presenza das entidades participantes, encabezada pola asociación Ponte.. Nas Ondas! (PNO!) impulsora do proxecto. Dezasete centros educativos de Galicia e Portugal participan nesta xeira do proxecto no que ademais outros tantos artistas de ambos países actuaron como padriños en canda un destes lugares para as gravacións das cancións escollidas, que representan un patrimonio musical compartido por unha comunidade que, como subliñou a presidenta do Consello da Cultura Galega, xa existía "antes de que houbera unha raia pintada no mapa".



Desde setembro de 2020 comezouse a xestar o proxecto por iniciativa da asociación cultural pedagóxica PNO!, que acadou os apoios para a súa realización e publicación do Consello da Cultura Galega, do Fondo de Proxectos Xacobeo 21-21 da Xunta e da CRTVG. A cadea pública emitirá este nadal catro capítulos documentais dunha serie sobre a xestación do proxecto nos seus meses de gravación e produción. Os capítulos, de 50 minutos cada un, xa poden verse a través da páxina web do propio proxecto cun código QR que se inclúe na publicación. O produto audiovisual, explicou o produtor Segundo Grandío, contén declaracións do profesorado e alumnado dos centros implicados, testemuñas das veciñanzas imaxes dos lugares de gravación e os videoclips protagonizados polas corais da rapazada e os artistas convidados a apadriñar cada unha das cancións en Galicia e Portugal. O proceso de gravación deste volume viuse condicionado pola situación pandémica no punto que non dse puido facer un traballo no estudio, senón que foi o equipo de gravación o que debeu levalas a cabo en exteriores ou recintos amplos dos propios centros de ensino ou as súas localidades. Os repertorios escollidos foron desde a música tradicional de cada lugar ata algunhas mostras de temas populares coma por exemplo a canción "O tren" de Andrés Do Barro. En todo caso o resultado é cualificado como unha mostra da riqueza do patrimonio inmaterial compartido por esta comunidade de ambos lados do Miño.



Se no volume publicado cóntase coa colaboración escrita dos prologuistas Rosa Aneiros e marco Neves, ademais das ilustracións de Andrés Meixide, tamén están incluídos os glosarios de termos e expresións recollidos en cada un dos centros, que aumenta o valor documental desta publicación no eido do patrimonio oral galego-portugués. No relativo ás colaboracións musicais, cada centro educativo preparou unha versión do repertorio da música galego-portuguesa, interpretouno co alumnado e contou coa colaboración dun artista ou grupo de música co que gravaron o tema. Os padriños e madriñas musicais foron elixidos polos participantes e propostos por Ponte…nas ondas! O obxectivo foi que os artistas e músicos profesionais apoiasen o traballo do alumnado co tema musical e puidesen gravar xuntos. A listaxe de padriños e madriñas deixa ver un importante listado da música da comunidade galego-portuguesa: Pancho Álvarez (Tui(; A Roda (As Neves); Lucía Pérez (O Rosal); Zaraida de Maskarpone (Verín); António Zambujo (Montalegre); Augusto Canário (Valença e Viana do Castelo); Sons do Minho (Monção); Daniel Pereira (Melgaço); Vozes da Radio (Chaves); Cuarteto Caramuxo (Salvaterra); Andrea Pousa (Tomiño); Jaime Álvarez (Caminha); Luis Caruncho (A Guarda); Castriño de Rebordechán (Crecente); Uxía (Salceda de Caselas); Cándido Miranda (Vilanova da Cerveira). Nesta ocasión foron os artistas colaboradores os encargados de gravar o tema común 'Máis perto', unha nova versión do gravado en 2005 na ponte de Tui-Valença.