Blanca Riestra faise co 50 premio Blanco Amor cunha novela sobre A Coruña

Lupe Gómez gaña o Leiras Pulpeiro de Poesía

A escritora coruñesa Blanca Riestra fíxose co 50 premio Blanco Amor de novela en lingua galega coa obra Aquí empeza o mar. A novela sitúase na Coruña ao longo da súa historia recente, e combina diferentes xéneros, segundo o xurado, como "a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela de memoria, sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade". O premio está convocado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor e dotado dun premio de 15.000 euros. Ao tempo, Lupe Gómez gañou o primeiro premio no X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro co poemario Muiñeira da Pinguela. O xurado destacou do libro "a súa capacidade evocadora, que nos traslada ao mundo da infancia e aos eidos familiares da memoria". O premio está convocado polo concello de Mondoñedo.