Premio Nacional de Investigación para a catedrática María José Alonso

A docente e investigadora da USC acada o Premio Juan de la Cierva na área de Transferencia de Tecnoloxía

María José Alonso Fernández, catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC ven de facerse co Premio Nacional Juan de la Cierva na área de Transferencia de Tecnoloxía destes galardóns convocados polo Ministerio de Ciencia e Innovación. A catedrática e investigadora dirixe asemade o grupo Nanobiofar do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Con esta distinción estatal recoñécese "a excelencia da súa traxectoria científica no eido da nanomediciña, así coma a súa importante contribución para a axeitada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento", segundo comunica o Ministerio. O premios nacionais de investigación, creados en 1982, son o recoñecemento máis importante de España no eido da investigación científica. Está dotado cunha contía de 30.000 euros.

María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de París XI, (1986-87), na Universidade de Angers, Francia (1989) e no MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012. A profesora Alonso é inventora dunha vintena de familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria. Traballou na Controlled Release Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante quince anos; e foi presidenta da mesma entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de Drug Delivery and Translational Research, unha revista oficial da CRS, alén de formar parte do consello editorial de máis dunha decena de revistas científicas. Recibiu máis dunha trintena de premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas.