Defínense as accións para celebrar en 2022 o centenario de María Casares

Dúas obras de teatro, varios audiovisuais, publicacións e encontros en Galicia e fóra buscarán visibilizar o legado da artista

María Casares
María Casares
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou os plans da Xunta de Galicia para a conmemoración en 2022 do centenario de María Casares. A presentación da programación amosa a intención do goberno autonómico de dar visibilidade ao legado da artista tanto dentro como fóra da Comunidade a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Na conmemoración do ano de María Casares implícanse tamén entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras. Ademais da programación impulsada polo goberno galego, tamén o Concello da Coruña prepara as súas propias actividade de conmemoración no 2022 para o Ano Internacional María Casares.

En Galicia, a programación porá o foco na escena teatral, con producións propias, coproducións e colaboracións con entidades galegas, nacionais e internacionais. Celebrarase unha edición especial dos Premios María Casares e programarase 'Continente María', unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Ainé Produccións baixo a dirección de Tito Asorey. Poderá verse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Tamén se subirá a escena o espectáculo 'Política sentimental. O encontro necesario entre María Casares e Albert Camus', do autor Javier Villán baixo a dirección de David Loaysa, que se centra na relación entre o Nobel francés e a artista coruñesa. Estrearase en Santiago e percorrerá distintos lugares de Galicia. Ademais, o festival de Inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, Escenas do Cambio, dedicará a súa oitava edición a María Casares e, neste contexto, presentará unha peza de nova creación inspirada nela e interpretada por mulleres.

Ciclo audiovisual na Filmoteca de Galicia
Tamén se promoverán diferentes producións audiovisuais para ilustrar o amplo percorrido de Casares. Así, de xuño a novembro, a Filmoteca de Galicia incluirá un ciclo audiovisual específico sobre a artista coruñesa no que se poderá ver o seu traballo no mundo do cinema e se proxectarán documentais e programas para televisión nos que a propia María Casares tratou a súa biografía. A programación conmemorativa inclúe a difusión, nas salas de cine de Galicia, do documental 'Vitola. Actriz universal', da produtora Manarte Produccións, cuxa estrea está prevista para o mes de xuño. Outro documental, neste caso 'María Casares: a muller que viviu mil vidas', realizado en colaboración con Agallas Films e a CRTVG, propón unha aproximación á vida da actriz e unha homenaxe á súa terra natal. Está prevista a súa estrea na Coruña e proxectarase tamén en salas de Madrid e Barcelona.
O proxecto 'María Casares: voces para un centenario', da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia incluirá tamén dúas pezas audiovisuais gravadas localizacións como A Casa-Museo Casares Quiroga e a Fábrica de Tabacos, ambas na Coruña, e varios lugares do concello de Oleiros, onde está o instituto co seu nome e proxectaranse ata cinco pezas audiovisuais para ser emitidas na TVG a modo de divulgación.

Reflexións académicas
No eido académico, incluiranse dous ciclos de conferencias para analizar o seu impacto no presente. En colaboración coa Biblioteca Nacional de España realizarase en Madrid un ciclo de conferencias e charlas para afondar na súa proxección internacional entre maio e xuño. Tamén se desenvolverá o proxecto 'María Casares: do exilio ao escenario', que reunirá na Coruña de xaneiro a novembro a personalidades do mundo da cultura e das artes galegas e nacionais que coñeceron á artista para dar a súa perspectiva.

En canto ao campo editorial, Edicións Xerais e a Xunta de Galicia editarán a publicación 'María Casares a través do espello. Legado filosófico e artístico dunha galega universal', escrito pola actriz Sabela Hermida, unha crónica detallada das diferentes etapas da icónica intérprete. Ademais crearase un espazo dixital específico que divulgará a programación cultural e as iniciativas que conmemoran o centenario do nacemento de María Casares, aloxado en cultura.gal.

Como xa se avanzara, a programación prevista estenderase máis alá de Galicia. Así, actualizarase a pegada da actriz coruñesa ante o público francés, a través dun proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra fotográfica no Instituto de Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia).