O Catálogo Gálix repasa as publicacións para crianzas editadas en 2020

O volume está dispoñible no web da asociación dedicada ao Libro Infantil e Xuvenil

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, acaba de presentar no seu web a última edición do catálogo Libros infantís e xuvenís de Galicia correspondente a 2021. A obra, que está dispoñible para libre descarga na rede, "recolle todos os títulos de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) escritos orixinalmente en galego e ilustrados por artistas de Galicia publicados ao longo do ano 2020 polas editoras que traballan na nosa lingua", segundo apunta o texto de presentación que asina Xosé Antonio Perozo, presidente de Gálix.

O novo catálogo recolle o traballo realizado neste campo por catorce editoras do país, cun total de 78 títulos que se presentan cunha breve ficha en galego, castelán e inglés. O catálogo, para alén de permitir coñecer polo miúdo a produción editorial do país o público máis cativo, serve tamén como presentación do sector en diferentes encontros e feiras editoriais.

Segundo destaca Perozo, a salientar as dificultades que o sector editorial pasou en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, "neste contexto, cada obra que viu a luz é un pequeno milagre, un facho acendido que deitou luz nunha época en que a capacidade de facernos soñar que ten a LIX se amosou máis necesaria que nunca". No entanto, non cae no pesimismo a sinalar que "malia todo, a colleita deste ano foi tan xenerosa e frutífera como o foran as anteriores, de xeito que a literatura infantil e xuvenil galega segue na mesma fulgurante senda de ampliación, de consolidación e de proxección dos últimos tempos".