O Premio Otero Pedrayo recoñece a Menchu Lamas e a Rosario Álvarez

As dúas galardoadas repartirán os 16.000 euros deste recoñecemento que outorgan a Xunta e as deputacións

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e mais a artista viguesa Menchu Lamas, foron seleccionadas ex aequo como gañadoras do Premio Otero Pedrayo. O xurado deste galardón que convocan a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións provinciais, coordinado desta volta pola de Pontevedra, daba a coñecer na tarde deste 10 de outubro o fallo, que recoñece o labor das dúas galardoadas a prol da cultura galega.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou a "extraordinaria traxectoria das dúas premiadas" e lembrou que "durante moito tempo as mulleres xogamos un papel moi por debaixo do moito que temos aportado á cultura". De feito, con Álvarez e Lamas suman cinco as mulleres que recibiron este premio deste a súa fundación en 1977. A candidatura de Menchu Lamas fora proposta pola propia Deputación, mentres foi Fina Casalderrey quen promoveu a de Rosario Álvarez en representación da Real Academia Galega.

Segundo destaca de Rosario Álvarez o fallo, "é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia e a primeira en presidir o Consello da Cultura Galega" que ademais "atesoura un importante labor no ámbito da universidade, da investigación e da defensa da cultura galega". De Lamas, saliéntase, pola súa banda, o ser "probablemente a artista galega de maior proxección internacional e unha creadora fundamental na renovación da arte galega". Entre os seus méritos apúntase o ter recibido o Premio da Cultura Galega, ter sido unha das fundadoras do movemento Atlántica ou a súa aposta polo diálogo entre a "tradición de raíz autóctona e a modernidade, así como entre o abstracto e o figurativo, cun cromatismo vivo e luminoso".

O xurado dos premios estivo composto por Carmela Silva, Fina Casalderrey, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (por delegación do conselleiro de Cultura da Xunta); Xurxo Couto (en representación da Deputación de A Coruña); Tareixa Ferreiro (representando á Deputación de Lugo); Ana Patricia Torres (Deputación Ourense); Victoria Alonso (Deputación de Pontevedra); María do Mar Lorenzo (en representación da Universidade de Santiago); Alfonso Caride Losada (Universidade de Vigo); Manuel Ferreiro Fernández (Universidade de A Coruña); Pablo Otero Piñeyro (en representación Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento); Marcelino Agís Villaverde (designado pola Xunta); Jose Antonio Fraga Vázquez (designado pola Deputación de A Coruña); Xosé Miranda Ruiz (designado pola Deputación de Lugo); Luis González Tosar (designado pola Deputación de Ourense); Paula Cabaleiro (designada pola Deputación de Pontevedra) e o representante da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López. Como secretario do xurado actuou o da Deputación pontevedresa, Carlos Cuadrado Romay.