Cineuropa dá o salto de mostra a festival internacional

A 35º edición incluirá por vez primeira sección competitiva internacional con xurado

A edición de relanzamento de Cineuropa tras un ano de "resistencia cívica" minimizada polas circunstancias sanitarias supón un salto cualitativo histórico para o evento, máis alá de volver a ofrecer as capacidades das salas ao completo. O director do evento, José Luís Losa, presentou hoxe as características deste ano, nas que destaca o cambio desde o concepto inicial de "mostra" ao de "festival competitivo" no que haberá unha sección oficial a valorar por un xurado internacional cos correspondentes premios. Segundo Losa, esta opción, que xa levaba anos en estudio, "axuda a definir a liña editorial e dá músculo e visibilidade a Cineuropa no circuíto de festivais". Para o director esta decisión coloca a Cineuropa como "o festival internacional de cinema de longametraxes de Galicia" de referencia, sen perder a súa esencia.

Na rolda de presentación desta 35ª edición titulada temáticamente "Cinema e Totalitarismo", na que Losa estivo acompañado polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto déronse a coñecer tamén os nomes das persoas recoñecidas este ano cos premios honoríficos Cineuropa, que serán para a actriz Verónica Forqué, o cineasta Navad Lapid (Tel Aviv, 1975) e o realizador galego Alberte Pagán. Sobre este último, Losa referiuse ao seu premio coma "unha débeda" cun cineasta que xa estaba aí antes do estalido dos creadores do Novo Cinema Galego e sobre o que se inclúe no programa unha retrospectiva das súas obras. Tamén se deron a coñecer os nomes dos integrantes do que será o primeiro xurado da nova etapa competitiva, que estará integrado pola crítica Inma Merino (Girona), a uruguaia Gabriela Guillermo e o cineasta copostelán Alfonso Zarauza. Eles decidirán, entre as doce películas seleccionadas para outorgar catro premios: mellor película, mellor actor/actriz, mellor director/a e mellor guión. Ademais deste premios mantéñense no festival os que outorga o público e o Xurado Novo, como nas edicións precedentes. As películas a competición teñen en común ser primeiras ou segundas realizacións e proveñen do circuíto internacional e de países tan diversos coma Filipinas, Taiwán, Chile ou EE.UU. Nove das doce son primicias absolutas en territorio español.

Este "salto" non modifica, segundo o director do evento, a estrutura "exitosa" do festival para que, en 'palabras de Losa "non sexa unha aposta que poña en xogo os valores do festival, que pretende achegar ao público un cine ou que non hai acceso fóra de grandes metrópoles ou festivais internacionais". Así mantén todas as seccións habituais recuperando este ano a Maratón e os encontros cos cineastas, que volverán a aparecer en `persoa durante o festival ao longo do programa que se desenvolverá entr o 8 e o 24 de novembro. A sección europea seguirá a exhibir as obras destacadas nos grandes festivais europeos como Berlín, Cannes, San Sebastián... Inclúese tamén unha retrospectiva sobre o cine feito en 1971, baixo o epígrafe "O ano das armas" con marcado carácter ideolóxico como é propio deste festival que reivindica o seu pulso político de debate das ideas. O festival tamén estará presente na distancia, incorporando unha selección de 15 películas dispoñibles na plataforma dixital Filmin, baixo o selo do 35º Cineuropa.

Ligazóns