Irene Kopelman fará converxer ciencia, arte e natureza no seu novo proxecto na Ribeira Sacra

Realiza unha estancia convidada pola Fundación María José Jove

Realiza unha estancia convidada pola Fundación María José Jove
A artista arxentina Irene Kopelman.
A artista arxentina Irene Kopelman está a realizar unha estancia de creación artística na Ribeira Sacra que cristalizará nunha exposición, comisariada por Susana González, no Museo Virtual da Fundación María José Jove ao longo de 2022. A estancia de Kopelman, unha recoñecida artista arxentina que investiga sobre as relacións entre paisaxe e ciencia, centrarase nun proxecto de investigación sobre "as orixes xeolóxicas da Ribeira Sacra e o determinante do río Sil na evolución da súa paisaxe". Kopelman ten traballado sobre cuestións de ecoloxía e a converxencia entre a ciencia e a arte, investigando espazos como parques naturais en hawai, a selva peruana, Panamá ou coleccións xeolóxicas de museos londinenses. Segundo a nota de prensa da Fundación María José Jove, achégase "ás ciencias naturais por medio dun característico discurso poético-visual". A maiores, Kopelman manterá diálogos sobre a paisaxe da Ribeira Sacra con especialistas en arquitectura e realizará un obradoiro presencial na Ribeira Sacra cos catro artistas novos convidados polo MUV para o programa 12 Miradas: Andrea Dávila Rubio, Carla Souto, Berio Molina e Marina González Guerreiro.