A escena musical reencontrouse nos Premios Martín Códax

A gala da oitava edición deixa tras de si a esperanza dunha volta á normalidade que reforce á profesión.

A gala da oitava edición deixa tras de si a esperanza dunha volta á normalidade que reforce á profesión.
Posado dos proxectos premiados esta 8ª edición dos Premios Martín Códax da Música
A entrega dos 8ª Premios Martín Códax da Música, na noite do pasado mércores en Pontevedra, converteuse no momento de reencontro para escena musical galega tras máis de dezaoito meses de pandemia. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora da gala, expresouse a enorme alegría de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión. Preto de catrocentas persoas gozaron de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da gala dirixida e presentada por Marcos PTT Carballido, que tamén foi retransmitida en liña.


Durante a gala destacouse a alta participación na convocatoria dos premios malia as dificultades do sector musical neste último ano e medio de pandemia. Máis de catrocentos proxectos musicais inscribíronse nesta oitava edición. Os nomes dos proxectos premiados neste 2021 foron desvelados ao longo da gala: A banda da Loba, Moon Cresta, Brais Morán, N.E.O, MJ Pérez, Wöyza, The Skarnivals, Allova, Alberto Vilas, María Toro, Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Caamaño & Ameixeiras, Lamas / De Miguel / Romero, Radio Bulebule (Paco Nogueiras), Bafana Bafana, Coro da Ra, Banda de Música de Chantada e o programa de radio O recanto do Corcovado.

Alegría, reinvindicación e emoción nas intervencións dos proxectos premiados; os primeiros anuncios da noite foron os das categorías de Funk, Blues e Soul para Brais Morán, Canción de autor/a para MJ Pérez, Metal para N.E.O e Electrónica para o proxecto de Allova, que xustamente estes días é unha das propostas que esta representando a Galicia na feira de industrias musicais BIME de Bilbao. Seguíronlle os anuncios dos premios nas categorías de Reggae, Ska e Mestizaxe, para The Skarnivals, Música Tradicional, para Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Rock, para Moon Cresta, e Coros e Grupos Vocais, para o Coro da Ra. Precisamente ao Coro da Ra pertencen algunhas das integrantes do octeto vocal que se encargou da música ao vivo na noite do mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa dirección musical de Carmen Rey e Ramón Bermejo. A Banda de Música de Chantada resultou o proxecto premiado na categoría de Bandas Populares e seguíronlle no escenario Radio Bulebule, de Paco Nogueiras, en Música Infantil; Lamas, De Miguel e Romero en Músicas do Mundo, Caamaño & Ameixeiras en Folk e Bafana Bafana na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena. Os últimos anuncios da noite para recibir os galardóns deseñados polo escultor e músico Víctor Lorenzo foron os de Música Clásica e Contemporánea para Alberto Vilas por "Naialma", Jazz e Músicas Improvisadas para María Toro polo seu traballo "Fume", Pop e Indie para A banda da Loba, e Músicas Urbanas para Wöyza.
Pablo Barreiro recolle o seu premio
Pablo Barreiro recolle o seu premio


Premios Organistrum e Honorífico
Había premios xa coñecidos e difundidos antes da celebración da gala. Foi o caso dos Organistrum extraordinarios de 2021 a festivais e salas de concertos, que non se someteron ao escrutinio do xurado nin ás posteriores votacións das socias e socios de Músicas ao Vivo pola difícil situación que atravesaron no último ano. Dese xeito consideráronse premios de carácter extraordinario e foron concedidos á sala de concertos Mardi Gras da Coruña e ao Festival Jazz de Ría. Si se someteu a votación a categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical na que resultou galardoado o programa de radio O Recanto de Corcovado, conducido por Lois Atanes.
A ovación máis longa da noite foi a destinada a Pablo Barreiro coa recollida do seu Premio Honorífico á traxectoria, unha figura moi querida polo colectivo musical galego. O produtor, compositor e técnico de son, responsable durante máis de tres décadas do arquivo sonoro da Radio Galega, está considerado unha figura histórica da música do país e recibiu o Premio Honorífico desta oitava edición dos Martín Códax. "Este premio vén dos músicos, é o mellor premio que un técnico de son pode obter. Non hai maior galardón que o músico se recoñeza no noso traballo", sinalou Barreiro que recolleu a estatuíña da man de Xoán Allegue, director das Bodegas Martín Códax, e da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces.

Discurso da presidenta de MAV
Na gala houbo lugar tamén para a reflexión sobre a situación do sector cultural e musical antes e durante a pandemia. "A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión. Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar", apuntou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo, en nome da xunta directiva da entidade. As Bodegas Martín Códax patrocinan os Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo, que contan ademais co apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, con representación na gala.

RELACIÓN DE PROXECTOS GALARDOADOS

PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2021



Pop e Indie: A banda da Loba

Rock: Moon Cresta

Blues, Funk e Soul: Brais Morán

Metal: N.E.O.

Canción de Autor/a: MJ Pérez

Músicas Urbanas: Wöyza

Reggae, Ska e Mestizaxe :The Skarnivals

Electrónica: Allova

Música Clásica e Contemporánea: Alberto Vilas (“Naialma”)

Jazz e Músicas Improvisadas: María Toro (“Fume”)

Música Tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas

Música Folk: Caamaño & Ameixeiras

Músicas do Mundo: Lamas / De Miguel / Romero

Música Infantil: Radio Bulebule (Paco Nogueiras)

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Bafana Bafana

Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra

Bandas de Música Popular: Banda de Música de Chantada


Organistrum:

Salas de concertos: Mardi Gras

Festivais: Jazz de Ría

Proxectos de comunicación e difusión musical: O recanto do Corcovado


Premio Honorífico 2021: Pablo Barreiro Rivas