Xorima, 1985. Sesión fotografica para o disco
En 1981 cinco mozos de Vilalba, Queno Eimil, Xosé Ramón Vázquez, Lalo Baamonde, Carlos Celeiro e Xosé Luis Pernas, uníronse arredor dunha idea musical propia á que puxeron de nome, Xorima e que se mantivo activa ata 1989. Malia que só deixaron tras de si un único traballo gravado en 1985, tanto este disco homónimo Xorima (Edigal) como as súas actuacións en directo foron suficientes para causar unha onda expansiva que aínda chega ata hoxe cun proxecto entusiasta de redescubremento.

Polo grupo nesa década escasa tamén pasaron outros músicos coma Quim Farinha, Xavier Bueno ou Chus Bello, ademais das irlandesas Máire e Siobahn Ni Chaoimh. Tras da súa separación, en 1989, algúns deles fundaron outros proxectos importante para o folk galego, foi o caso de Xosé Ramón Vázquez e Quim Farinha con Fía na Roca, pero os ecos propios de Xorima seguiron soando durante tempo entre o público da música tradicional e entre os artistas que a facían. Agora, cando se fan 40 anos daquel momento inicial, unha persoa, desde a admiración, aproveitou esta efeméride para iniciar un proceso de recuperación e posta en valor da significación que tivo o grupo Xorima para a escena musical e cultural galega. Esa persoa é o escritor Paulo Naseiro e no seu entusiasmo soubo involucrar a outras persoas de diferentes idades para iniciar o chamado "Proxecto Xorima", unha proposta transmedia que pretende facer deste aniversario unha celebración total de recoñecemento a ese grupo a través de moitos camiños. As súas ferramentas iniciais de proposta son unha páxina web e varias redes sociais pero está prevista a publicación dun libro que servirá de punto de saída de outras moitas accións aínda por coñecer a posibilidade de que a música de Xorima volva a soar sobre un escenario é un soño que nin eles se atreven a confirmar, pero si a ilusión que iso suporía "sería un cúlmen", aseguran.

Loita contra a invisibilidadeSOFÍA NASEIRO: "SABEMOS QUE A SÚA MÚSICA TIVO UNHA INFLUENCIA E AGORA QUEREMOS POÑERLLE O NOME QUE HAI DETRÁS"
Desa frescura e ese impulso poida que parta a notable influenza que Xorima tivo en moitos músicos posteriormente como eles mesmo recoñeceron para este Proxecto Xorima ou en outro foros, "é o caso de Carlos Núñez, por exemplo" asegura Sofía. Ademais diso , os dez cortes dese álbum único tiveron ecos durante anos a través fundamentalmente dos medios públicos galegos, resultando usados como sintonías en programas de radio, televisión, continuidades, etc. Malia todo o nome de Xorima semellou desaparecer dos principais rexistros, ata o punto de que obras de referencia coma o libro Crónica do folk galego. 25 anos de Historia (Tris Tram, 2000), de X.M. Estévez e Óscar Losada, non chega nin a mencionalos, como sinala Sofía Naseiro. "Supoño que en parte por isto de que deixou pouca pegada física", reflexiona. Contra esa "invisibilidade" loita este Proxecto Xorima, decididos a poñer o nome da banda onde merece na intrahistoria da música galega de raíz galega. "Sabemos que a súa música tivo unha influencia e agora queremos poñerlle o nome que hai detrás", afirma Sofía.


Redescubrir para gozar do folk actual
Podería semellar que o Proxecto Xorima é un traballo enfocado na nostalxia, pero sería unha visión moi curta para as súas pretensións e concepto. "Penso que hai unha parte do noso público potencial que sobre todo vai recordar esa época, que estaba alí no rexurdir de todo este folk", di Sofía, "pero tamén pode haber moita xente nova interesada en redescubrilos". De feito o equipo que saca adiante a parte da web deste proxecto é maiormente xuvenil, cos cincuenta anos de Paulo como tope máis alto, pero iso non foi problema para unilos no interese pola idea. "Somos xeracións diferentes, que nos chega de maneiras diferentes", explica Sofía. "Pola miña parte de pequeña escoitaba Xorima, coma escoitaba Milladoiro, Gwendal ou Fuxan os Ventos e sempre o tiven un pouco presente", conta e engade a súa visión desde a perspectiva musical, "toco e teño certos coñecementos musicais e sei recoñecer que aquí hai moita calidade e moito talento", explica "e fun descubrindo que tamén hai xente da nosa xeración que busca nas orixes do folk para gozar máis de grupos novos, como poden ser As Tanxugueiras", confirma e apunta a esa "redescubrimento" como "o concepto máis importante do que queremos partir neste proxecto" . nese sentido tamén apunta ao equipo máis amplo que representará o resto das facetas transmedia do proxecto así como a "colaboración total e absoluta do Instituto de estudios Chairegos", de Vilalba, no que lles está a xudar xente de moi diversas idades, máis nova e máis vella ca eles, coma acredita Sofía.

Primeira pegada, a dixital
A páxina web, na que se reúnen xa parte dos materiais gráficos e documentais, así como as redes sociais ( Twitter, Instagram, Facebook e You Tube) xa serviron para ir caldeando o ambiente, creando intriga e xuntando arredor xente atraída polo recordo ou pola curiosidade sobre esta formación e o seu devir, ademáis de, como dí Sofía "deixar a pegada dixital do proxecto". Pero o punto real de inicio sitúase na vindeira presentación do libro Conversas arredor de Xorima, asinado por Paulo naseiro e que será para dar por iniciado un previsto ano de homenaxe ao grupo no seu 40 aniversario. Ao longo deste ano, usando de múltiples formatos e ferramentas irase dando saída e dimensión á historia e entusiasmos xerados arredor de Xorima, para restituirlles o seu posto na historia da nosa música tradicional. "De ser posible", admite Sofía, "poñer a música de Xorima sobre un escenario sería un culmen moi bonito para este proxecto que está feito sobre o cariño e a admiración máis profunda". O "Ano Xorima" está a piques de comezar e trae moitas sorpresas, para algún xa a súa existencia ou poñerlles nome á formación que está detrás desas melodías pode ser unha delas.

