'Rompente' volve esta semana tras 40 anos

Reixa, Avendaño e Romón xúntanse ante público cun recital-espectáculo que pasará por oito cidades

Reixa, Avendaño e Romón xúntanse ante público cun recital-espectáculo que pasará por oito cidades
Romón, Reixa e Avendaño
Esta semana reúnese no espectáculo 'Rompente. Algo que levar á boca', un dos colectivos que marcou a poesía galega nos anos 70 e 80, o Grupo Rompente de Comunicación Poética, conformado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manolo Romón. Con este espectáculo os creadores percorrerán oito cidades galegas desde este xoves co apoio da Xunta de Galicia. Se en xuño presentaban o seu primeiro traballo editorial en décadas, con 'Algo que levar á boca' Reixa, Avendaño e Romón xúntanse ante público 40 anos despois cunha proposta na que se mestura poesía con proxeccións audiovisuais para ofrecer un recital de máis dunha hora con accións escénicas, xestuais e construíndo unha polifonía de voces.

O espectáculo estrearase este 21 de outubro en Pontevedra, no Teatro Principal ás 21,00 horas e inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro 'Que hostia din os rumorosos?', presentado o pasado mes de xuño, un volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas, Antón Patiño e Rubén Romero, con poemas inéditos, na súa maioría, e estruturado en catro partes. Tras o seu paso por Pontevedra, a xira -dentro da programación do Xacobeo 21-22- inclúe actuacións na Guarda (22 de outubro no Centro Cultural ás 21,00 horas), Lugo (3 de novembro, Vello Cárcere ás 20,30 horas), A Coruña (4 de novembro, Centro Ágora ás 20,00 horas), Vilagarcía de Arousa (5 de novembro, Salón García ás 21,00 horas), Vigo (14 de novembro, Museo Marco ás 13,00 horas), A Estrada (18 de novembro, Teatro Principal ás 20,30 horas) e Ferrol (25 de novembro, Teatro Jofre ás 20,30 horas). En todos os casos, o acceso será gratuíto previa retirada do convite na páxina web de cada un dos centros nos que está prevista a actuación do grupo Rompente.