O teatro afeccionado galego celebra o seu I Congreso

A Deputación da Coruña desenvolve a iniciativa coa Federación de Teatro Amador Galego AMATEGA

Este 22 de outubro o auditorio do IES Rosalía Mera da Coruña acolle o I Congreso de Teatro Amador que se celebra no noso país. A Deputación da Coruña en colaboración coa Federación de Teatro Amador Galego AMATEGA, unha das tres que existen no noso país, organiza este evento, que pretende "poñer o foco no teatro amateur, un axente cultural integrador que facilita a participación activa da cidadanía na Cultura e que aporta actividade cultural a aqueles municipios que doutro xeito terían carencias".

O programa, que se desenvolve ata o sábado 23, inclúe intervencións como "O teatro amador na encrucillada do século XXI. Función social e cuestións de estética e dramaturxia", de Afonso Becerra, "Os espazos do teatro amador. Importancia das asociacións dentro do sector", de Josefa Deibe Pico, ou a "Aproximación a unha historia do teatro amador galego" que desenvolverá Artur Trillo.

Ademais, unha mesa redonda con representantes de diferentes federacións estatais de teatro amador analizará o impacto que tivo a pandemia de Covid-19 neste sector. Unha visita guiada pola Coruña Teatral e mais a representación de Animais de compañía a cargo de Farándula Velutina completarán a proposta. Todas as intervencións retransmitiranse pola canle de Youtube da Deputación.