O Museo Terra de Melide cumpre vintecinco anos pondo en valor a Historia e a cultura tradicional da comarca

Vintecinco anos facendo Historia

Hai un cuarto de século Melide comezou a coñecer un pouco mellor a súa historia. Por aquel entón un grupo de amigos afeccionados á arqueoloxía puña en marcha unha pequena mostra arqueolóxica con restos atopados na comarca. Desde entón o proxecto foi evoluíndo ata dar nun museo arqueolóxico e etnográfico con sete salas e que recibe cada anos as visitas de milleiros de peregrinos que pasan pola vila.

Atravesada polo Camiño de Santiago, Melide é unha terra con fondas raíces. Hai un cuarto de século un conxunto de persoas afeccionadas á Historia e á etnografía, agrupados no grupo arqueolóxico Trisquel, puxeron mans á obra coa intención de coñecer un pouco mellor ese pasado e dalo ao coñecer aos propios habitantes da zona. Era cara a 1978, unha época na que a apertura de numerosas pistas forestais e estradas puña ao descuberto a impresionante riqueza arqueolóxica da comarca. Comezaron a aparecer castros, mámoas e necrópoles dos que se rescataban anacos de cerámica, ferramentas e todo tipo de restos. Desde Trisquel reuniron só uns poucos destes achados e montaron no edificio do concello unha pequena mostra que pouco a pouco decidiron ir complementando con mostras temporais de etnografía. Era o embrión.

Sementar e colleitar
Co fin de que os actuais habitantes de Melide coñecesen e valorasen o seu pasado, desde o colectivo foron realizando conferencias e mostras polos centros de ensino. Ademais de sementar, estas actividades tamén lles serviron aos membros de Trisquel para colleitar, xa que eran moitos os rapaces que despois das charlas lles cedían aparellos agrícolas antigos e outros elementos que recollían nas súas casas. Deste xeito a colección de pezas arqueolóxicas e etnográficas foi medrando, o que provocou que a mostra permanente se trasladase á biblioteca pública. E en 1982, outra vez, a un novo local con dúas salas que se dedicaban respectivamente á arqueoloxía e á etnografía. A maior parte das pezas cedéranas os veciños, e desde o colectivo xa coñecían perfectamente o patrimonio material da comarca. Teares, antigos xogos de pesas, traxes, xoguetes... O que non estaba exposto estaba localizado nas diferentes casas da zona. Tamén en 1982 comezou unha iniciativa que aínda hoxe continúa, a publicación do primeiro “Boletín de estudios da Comarca”.

A compra da casa
O continuo incremento de pezas para a exposición fixo que nos anos noventa comezase a pensarse nun novo local. Os promotores do proxecto iniciaron unha campaña para adquirir o antigo hospital de peregrinos do Sancti Spiritus. O medio para conseguilo, a subscrición popular. Veciños e institucións locais mobilizáronse para conseguir cartos e mercar e restaurar o histórico edificio. A mobilización social foi moi intensa e finalmente en 1998 a Asociación Cultural Terra de Melide conseguía a propiedade do predio. Aínda pasarían tres anos máis, dedicados á rehabilitación do conxunto, antes de que abrise as súas portas o Museo do Pobo de Melide.

O museo actual
O local consta de sete salas que acollen, ademais da biblioteca e das oficinas, información sobre o camiño de Santiago e diferentes mostras arqueolóxicas e etnográficas. Deste xeito, poden verse desde cerámica castrexa, fíbulas e machados na segunda sala ata moedas e reloxos antigos na terceira. A partir da sala catro comeza a sección dedicada á etnografía, que amosa as ferramentas tradicionais do campo e dos diversos oficios, e curiosidades coma unha sección dedicada ás antigas escolas e aos xoguetes tradicionais, así coma os útiles do barbeiro ou instrumentos de música. Un espacio dedicado ao proceso de tecido e outro centrado na casa tradicional completan o percorrido. A proximidade do Camiño de Santiago fai que o centro, que se pode visitar de balde, conte cunha grande cantidade de visitas.

Funcionamento e novidades
O funcionamento do museo segue a ser sufragado en grande medida polos veciños, que achegan arredor do sesenta por cento do orzamento. Ademais de cartos, os melidenses continúan a facer doazóns de diferentes elementos de cultura material, de xeito que a colección coa que conta o museo non deixa de medrar a bo ritmo. Dentro dos actos de celebración destes vintecinco anos de traballo, o museo abriu recentemente unha mostra de maquetas de barcos, realizadas artesanalmente por Xosé Gómez, veciño da zona que ten esta afección. Desde drakkars a carabelas ou barcos de vapor, durante todo o mes de agosto a cultura marítima tamén terá un oco en Melide. A mostra complétase ademais cos traballos de artesanía en madeira realizados polo pai de Xosé Gómez. Como se pode ver o museo está en forma, como lle corresponde aos seus vintecinco anos.