Gonzalo Suárez cede á Fundación Blanco Amor correspondencia co escritor

As cartas enmárcase no dialogo mantido entre ambos para a adaptación cinematográfica de 'A Esmorga'

Manuel Blatar e Gonzalo Suárez  posan coa estatua a Eduardo Blanco Amor                     Foto: Deputación Provincial de Ourense
Manuel Blatar e Gonzalo Suárez posan coa estatua a Eduardo Blanco Amor Foto: Deputación Provincial de Ourense
A pesares de que a documentación epistolar persoal está xa en proceso de total desaparición, hai aínda anacos do pasado que poden ser recuperados grazas a eses escritos. A Fundación Eduardo Blanco Amor vén de aumentar os seus fondos documentais coa cesión das cartas que o director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibiu do escritor ourensán con motivo da rodaxe da película 'Parranda' (1977), baseada na novela 'A Esmorga'. As tres misivas cedidas forman parte da correspondencia persoal que mantiveron o director e o autor, "pero só estás refírense directamente á rodaxe dunha película que ten a Ourense, á Auria Blancoamoriana, como protagonista", destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación e da fundación. O cineasta ven de ser recoñecido polo Ourense Film Festival co seu galardón honorífico Calpurnia de Honra.

Eduardo Blanco Amor traduciu 'A Esmorga' ao castelán en 1973, optando por titular a súa obra como 'Parranda'. Catro anos despois, en 1977, Gonzalo Suárez dirixiu a adaptación ao cine da novela coa participación dos actores Fernando Fernán Gómez, José Sacristán, José Luis Gómez e Antonio Ferrandis. Coa súa achega, Gonzalo Suárez contribúe a desenvolver un dos principais obxectivos da fundación como é a conservación de toda a documentación relacionada coa figura de Blanco Amor, ademais dar a coñecer a relación do escritor co mundo do cine, que se suma así ás moitas actividades que realizou nos ámbitos da literatura, o xornalismo, as artes ou a fotografía.