O Play-Doc premia á arxentina Natalia Garayalde e na sección Galicia a Eloy Domínguez

O filme 'Esquirlas' gañou no concurso internacional mentre que 'Os corpos' de Domínguez na sección Galicia

O filme 'Esquirlas' gañou no concurso internacional mentre que 'Os corpos' de Domínguez na sección Galicia
Imaxe de 'Os Corpos' de Eloy Domíguez Serén
A 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, rematou e deixou o seu palmarés oficial. O filme Esquirlas, da directora e guionista arxentina Natalia Garayalde, proclámouse triunfador do certame logo de obter o Premio Play-Doc 2021 do concurso internacional. Esquirlas parte da destrución da industria emblema da cidade da autora, a Fábrica Militar de Río Terceiro, en Córdoba. Miles de proxectís disparáronse contra o pobo que os producía. Con 12 anos, mentres tentaba escapar das explosións, Garayalde rexistrou a destrución da súa cidade cunha cámara de vídeo. Vinte anos despois atópase novamente con eses arquivos, nun momento no que a ameaza do polo industrial e militar aínda persiste no presente.

O palmarés oficial de Play-Doc complétase cos galardóns do concurso internacional de curtametraxes e Galicia. Na competición Galicia, o xurado destacou "a variedade temática", así como "a creatividade e madurez" das obras seleccionadas, "sendo unha competición de gran calidade". Á hora de nomear unha gañadora, a escollida foi Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, "unha inmersión nunha realidade intensa, violenta, primitiva, poética, filmada e editada con gran mestría que nos mergulla nun ambiente de hipnosis local, popular, arquetípico e misterioso". O xurado de ambas seccións, composto polo cineasta brasileiro Helvécio Marins Jr., o produtor e director de cinema Miguel Clara Vasconcelos, e a ourensá Elisa Pereira, fundadora do espazo de creación artística La Plantación, decidiu premiar, no caso do concurso internacional, o curtametraxe Froito do vosso ventre, de Fábio Silva "pola simplicidade, honestidade e orixinalidade coa que aborda un tema profundo, cunha pouco común intimidade", ademais de por ser unha película "con coraxe que explora unha linguaxe visual propia".

Homenaxe a Daniel Domínguez e estrea en Galicia de No somos nada
A última xornada de Play-Doc celebrou unha emotiva homenaxe ao director e guionista Daniel Domínguez, cunha sesión na que participaron familiares e amigos do tudense, figura clave do audiovisual galego das últimas décadas. Numerosos cineastas e membros da familia do cinema de Galicia asistiron ao acto, no que se proxectou Río de sombras, un traballo filmado por Domínguez en Tui no ano 1986. O broche de ouro da xornada púxoo a estrea galega de "No somos nada", o documental de Javier Corcuera sobre a banda punk La Polla Records.
Ligazóns