A UNESCO declara Reserva da Biosfera a Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e do Courel

Un 35 por cento do territorio fica dentro dunha das sete áreas deste tipo existentes no país

Un 35 por cento do territorio fica dentro dunha das sete áreas deste tipo existentes no país
O Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere da UNESCO anunciaba na tarde deste 15 de setembro as vinte novas áreas que reciben o recoñecemento como Reserva da Biosfera en todo o mundo. Entre as aprobadas está a candidatura galega, composta pola Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e do Courel, que pasan a ser a sétima área deste tipo existente no país. Un 35 por cento do territorio queda así inserido nesta figura internacional que recoñece tanto o valor ecolóxico destas zonas como a súa riqueza cultural e etnográfica e o seu potencial para o desenvolvemento sustentable.

Segundo informa a Xunta, que lanzou esta candidatura en 2017 co apoio do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega, a nova reserva "é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas repartida entre 18 concellos de Lugo e 5 de Ourense.

Mapa da nova reserva da biosfera.
Mapa da nova reserva da biosfera. En vermello, a zona núcleo. Fonte: IBADER


Na súa declaración, a UNESCO destaca deste espazo que "inclúe un Xeoparque Mundial da UNESCO e seis espazos da rede Natura 2000 nun refuxio único para a biodiversidade que alberga 1.214 especies de flora vascular, o 52,7% da diversidade florística de Galicia, e 277 especies de fauna". Ademais, apunta que "habitado por 75.203 persoas, o sitio ten unha historia de actividades educativas e de investigación dedicadas á conservación e xestión sostible, con especial atención aos agrosistemas equilibrados e ao ecoturismo. O patrimonio cultural tamén goza dun alto nivel de protección. O sitio é famoso por formar parte do Camiño de Santiago de Compostela, inscrito na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO dende 1993. Tamén conta con covas, abrigos de rochas, petróglifos, megálitos, mosteiros, igrexas, antigos asentamentos e pontes que testemuñan o alto valor da rexión".

A declaración non implica novas medidas de protección ambiental ou patrimonial ao territorio afectado, mais esixe cumprir uns estándares de sustentabilidade para manter a figura. As reservas contan con tres tipos de áreas diferenciadas, as zonas núcleo, que contan con figuras de protección, as zonas tampón, que funcionan como corredores ecolóxicos e amortecen o impacto sobre a anteriores, e as zonas de transición, onde se dá unha maior actividade humana sobre o medio.