O Festival de Cans avanza as novidades desta XVIII edición

Estrea a sección Correspondencias e o brasileiro Kleber Mendonça terá unha retrospectiva

Estrea a sección Correspondencias e o brasileiro Kleber Mendonça terá unha retrospectiva
KLEBER MENDOÇA FILHO
A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro, estrea sección: chámase 'Correspondencias' e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas. Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada que terá a súa estrea absoluta nesta edición do Festival de Cans. Ademais o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019, será un dos grandes protagonistas da edición ao ser o convidado do coloquio central do Festival e certame dedicaralle unha retrospectiva na que se proxectarán as tres longametraxes que realizou ata o momento e varias das súas curtametraxes.

Eloy Domínguez (Simes, Meaño, 1985) estreará a sección 'Correspondencias', onde ntercambiará ideas filmadas a modo de cartas fílmicas en primeira persoa, con Samuel Moreno, cuxa primeira longametraxe, "El baile de la Iguana", pasou por certames como Visions du Reél. Estas cartas fílmicas son pezas narrativas en primeira persoa, construídas dende a soidade. En moitos casos, foron realizadas en épocas de confinamento. Hai un nexo común nas temáticas: os contextos políticos. A pandemia ou os momentos precisos de axitación social en Colombia dos últimos meses, por exemplo, están moi presentes. Xunta con estas dúas pezas inéditas, a sección sumará tamén a curtametraxe "Curta Nº4", do cineasta Marcos Nine, e da correspondencia fílmica que no seu momento mantivo tamén con Eloy Domínguez Serén.

O foco posto sobre Kleber Mendoça
O cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes 2019, será un dos grandes protagonistas da XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. Mendonça Filho será o convidado do coloquio central do Festival, que terá lugar o sábado 4 de setembro ás 12,00 horas no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río. Ademais, o certame adicaralle unha retrospectiva na que se proxectarán as tres longametraxes que realizou ata o momento e varias das súas curtametraxes.

Furacáns medra
A sección competitiva Furacáns, adicada ás curtametraxes de non ficción que asumen un maior risco narrativo, continúa medrando en cantidade e calidade, ademais o Festival aposta pola ollada feminina: o 60% son asinadas por mulleres. Este ano participan 10 curtametraxes, tres delas serán estreas absolutas: "Persoa, pobo, paisaxe", do cineasta de Boiro Daniel Pérez Silva; "Só as árbores coñecen o son das balas", de Rebeca Lar; ou "O Intruso", a nova curtametraxe da cineasta e fotógrafa da Estrada Ariadna Silva. Ademais, a sección do Festival adicada á non ficción acollerá a estrea en Galicia de "El jardinero clandestino", obra da nova cineasta porriñesa Erea Pereiro e de Francisco Guirao, e "Eu Mais" de Ángel Montero, que chega a Cans logo de ser tamén seleccionada en festivais coma o Zinebi ou DocLisboa. Por Furacáns pasarán tamén o novo proxecto da realizadora estremeña afincada en Galicia Dena Parro, "Perrunillas"; "Marcas", de Aldara Pagán, realizada dentro da súa estadía na Elías Querejeta Zine Skola; ou "Blanco y Fucsia", da videoartista e cineasta Marta Valverde. Completarán Furacáns senllas obras de dous cineastas que están tendo un gran percorrido en numerosos festivais internacionais. Por unha banda, Xacio Baño coa súa nova curta “Augas abisais”. O filme, unha indagación sobre unha parte do seu pasado familiar, xa pasou por festivais coma o de Málaga, o D´A Festival ou Clermont-Ferrand. Ademais, Eloy Domínguez competirá coa súa última curtametraxe "Os Corpos", unha olllada irreverente sobre o entroido ourensán que xa foi proxectada en certames tan prestixiosos como o Bafici ou o Fic Xixón.