O Cineclube Padre Feijóo cancela o Cinema de Verán

A veterana asociación ourensá ve imposible asumir as taxas municipais

A veterana asociación ourensá ve imposible asumir as taxas municipais
Naceu nos anos setenta na Escola de Maxisterio de Ourense, foi un dos revulsivos culturais desta cidade durante décadas e hoxe ao Cineclube Padre Feijóo resúltalle imposible a realización do seu habitual programa Cinema de Verán a celebrar cada mércores de agosto na Praza da República. A entidade ven de anunciar a suspensión do devandito programa de proxeccións públicas e de balde á cidadanía argumentando a imposibilidade económica de asumir as taxas polo uso do espazo público que lle reclama o Concello de Ourense a esta actividade sen ánimo de lucro.

"Entendemos que non existe sequera unha mínima dilixencia en favorecer a programación de actividades culturais: non estamos a referirnos ás inexistentes da propia institución municipal, senón ás dos propios colectivos culturais e sociais da capital", din no seu comunicado desde o Cineclube asegurando que lles resulta imposible "cos déficits que supón, manter unha programación estable con capacidade reducida e ante os custos que xera". Desde a decana asociación cultural lembran que esta é unha situación que ven de atrás: "A reivindicación dunha exención de taxas para os colectivos culturais e a modificación da ordenanza fiscal que as regula tratouse desde vai anos en distintos plenos do Concello e no inoperante Consello Municipal da Cultura. Malia o paso do tempo e as boas palabras, nunca se acadou unha solución". Con todo, este cineclube, que forma parte e é un dos impulsores do colectivo Emerxencia Cultural Ourense, non dubida en dirixir críticas á política cultural do actual equipo municipal presidido do Gonzalo Pérez Jácome asegurando que "a propia institución municipal discrimina á terceira cidade de Galicia mentres que noutras vilas, aldeas e cidades se programan e realizan actos culturais coas oportunas cautelas normativas ante a COVID e con total normalidade".