A Ribeira Sacra aspira á declaración de Itinerario Cultural Europeo

De ruta pola Ribeira

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

A Ribeira Sacara podería pasar a formar parte do Itinerario de Influencia Monástica, grupo de rutas na que están integradas diferentes zonas que teñen unha presencia importante de monasterios. O Consello de Europa aceptou onte a solicitude de ingreso nesta ruta da comarca galega.
O Itinerario de Influencia Monástica comparte co Camiño de Santiago o rango de Itinerario Cultural Europeo.

Itinerario de Influencia Monástica

O Itinerario de Influencia Monástica consiste nunha serie de zonas do Continente Europeo que teñen en común a pegada das comunidades monásticas a nivel histórico e cultural. Este itinerario, ó igual que o Camiño de Santiago ou a Ruta de Sefarad, que se organiza arredor de xuderías de toda Europa, teñen o rango de Itinerario Cultural Europeo.
De aceptar o Consello de Europa a proposta galega, todos os concellos da área da Ribeira Sacra formarían parte desta rede, aínda que esta declaración non conleva subvencións directas para a promoción turística e cultural. De calquera xeito, o título permitirá unha grande promoción da zona e ofrece posibilidades de acceso a futuras axudas.
Con estas rutas, o Consello de Europa pretende destacar zonas turísticas de carácter cultural que amosen ós cidadáns da Unión Europea a variedade de manifestacións culturais do continente ó tempo que afonda no acervo común a todos os europeos. Cada un dos itinerarios está artellado arredor dun tema concreto, como poden ser os mosteiros, o Camiño de Santiago, as xuderías, a presencia xitana, as fortificacións, a presencia árabe, o barroco...



O proceso

A solicitude para que a Ribeira Sacra pase a formar parte do Itinerario de Influencia Monástica púxose en marcha o pasado mes de maio por iniciativa do deputado do Congreso Julio Padilla, orixinario de Monforte. Segundo el, " a riqueza paisaxística e documental da zona avala a súa categoría" e existe unha grande documentación sobre a zona que atestigua a importancia dos mosteiros e recolle feitos destacados coma o repoboamento da Ribeira.
O embaixador permanente de España ante o Consello de Europa informou de que a Dirección de Cultura e Patrimonio deste organismo aceptara a solicitude.
Agora deberá realizarse un expediente no que se recolla toda a información sobre a zona e agardar á vindeira xuntanza do Consello de Orientación dos Itinerarios Culturais, que se realizará en Estrasburgo a comezos de decembro e no que se tomará a decisión final.



Que che parece esta nova?
63 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ribeira Sacra, Consello de Europa, Camiño de Santiago, Documental...