A Festa da Prehistoria de Mos pecha a súa segunda edición cun grande éxito de público

A esmorga cavernícola

A Mos chegou o progreso coma a todas partes. Só que unha fin de semana no ano, esta localidade pontevedresa volta á orixe dos tempos. Por segundo ano consecutivo, a Asociación Xuvenil Mos-Keo colectivo celebrou esta fin de semana a súa Festa da Prehistoria, un xeito divertido e orixinal de voltar ao pasado máis fondo.

Hai festas romanas, celtas, castrexas, medievais (moitas), da Idade Moderna e ata do século XIX. Pero ata o de agora a ninguén lle dera en Galicia por facer unha festa da Prehistoria en sentido amplo e xenérico. Os días oito e nove de agosto a Asociación Xuvenil Mos-Keo Colectivo celebrou por segundo ano consecutivo a súa Festa da Prehistoria na parroquia de Santa Eulalia. Un encontro no que a música, a artesanía, os disfraces e sobre todo a diversión danse cita arredor dos máis coñecidos tópicos da Idade das Cavernas.



Iluminando o pasado


A pesar de que a diversión é o eixe fundamental da festa, desde a organización pretenden achegar tamén un carácter didáctico ao evento. Deste xeito, o primeiro acto, ás dez da noite do venres, foi unha conferencia sobre a Prehistoria no Val de Louriña, acompañada da proxección dun vídeo explicativo. Despois da didáctica, un pouco de festa, con música folk e percusión en vivo. Ás once da mañá do sábado continuou a actividade educativa coa organización dos obradoiros nos que se ensina como facer ferramentas de pedra, cerámica primitiva, cestería, pintura rupestre e mesmo técnicas para prender lume sen mistos nin chisqueiro. Onda os obradoiros, celebrouse un mercado de artesanía e unha mostra de útiles de pedra e cerámicos fabricados por un dos membros da asociación.



A volta á tribo

A parte máis festeira do encontro comezou cara ás catro da tarde, cando se realizou a “Recepción de tribos”. Na web da asociación explican polo miúdo como formar unha tribo prehistórica para participar na festa: “colle a catro ou cinco colegas e buscade unhas cantas peles, deixa crecer o pelo, fai catro lanzas, un par de martelos de pedra, e simula o comportamento dun simio,¡ah! ...e non depiles as pernas”. Como se pode ver non é moi difícil, e arredor de cincuenta destas tribos, formadas por xente de todo o país se achegaron para participar no encontro. O acto de recepción incluíu a representación dun ataque das tribos foráneas aos grupos de Mos. Despois desta batalla iniciáronse os xogos, un dos principais atractivos deste encontro. Os distintos grupos tiveron que se enfrontar entre si en probas coma “Na busca do lume”, unha carreira de relevos na que os participantes tiveron que transportar un facho sen que se apagase. Tamén houbo unha simulada caza do xabaril, unha proba e recolección de supostos froitos e unha competición de tiro de corda entre outros desafíos. Para superar o calor reinante (que restou público, aínda que non arredou ás tribos), os organizadores preocupáronse de montar unha piscina e de regar os participantes con mangueiras.



O xantar e a relixión


Despois das probas chegou a hora de recuperar enerxías cunha boa cea. Seguindo a ambientación, a comida dispoñible reducíase a carne asada e a froita, seguindo o que debeu ser a dieta dos nosos máis vellos antepasados. Xa co estómago cheo veu un dos momento máis orixinais do encontro. A invocacións ao espíritos dos antepasados soterrados na mámoa da Penacova comezou ás dez da noite coa participación dun chamán local. “A invocación dos espíritos é unha representación que nos serve como protesta contra o estado de abandono que sofren os xacementos arqueolóxicos de Mos”, explica Marcos Escudeiro, un dos organizadores. Logo da cerimonia chegou a música, coa percusión africana de Deggo, o rock de Ruxe Ruxe e unha sesión musical a cargo de Radio Piratona.



O patrimonio

Aínda que a diversión ocupa moito do tempo da Festa da Prehistoria, na asociación Mos-Keo Colectivo teñen claro que esta vertente lúdica ten que servir para divulgar o coñecemento e o respecto polo patrimonio prehistórico existente na zona. “Desde o monte Penide en Redondela ata o Cuvi temos unha grande concentración de mámoas, e acó en Mos está o castro de Torros, que está considerado coma o máis antigo con casas de pedra no país”, apunta Marcos. Na asociación agardan que a festa continúe medrando e incrementar o número de actividades e de público asistente. Para isto reclaman un maior apoio das institucións, porque ata voltar á Prehistoria esixe recursos.