As pinturas murais de Santo Estevo de Ribas de Sil amosan escenas relixiosas

O Bispado de Ourense presentou o conxunto datado entre os séculos XV e XVI

O Bispado de Ourense presentaba este 29 de xullo o conxunto das pinturas murais que comezaran a aparecer o pasado mes de marzo no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Logo dos primeiros achados que se realizaron daquela por tras do coro, nos últimos meses retiráronse pezas que tapaban estas obras e elimináronse as capas de cal que as cubrían. Deste xeito, púidose verificar que o conxunto data de entre os séculos XV e XVI e que retratan seis escenas de carácter relixioso.



O martirio de Santa Catalina, o de Santo Estevo ou a adoración dos Reis Magos protagonizan varios dos frescos que saíron á luz na igrexa do antigo convento, estando aínda pendente de identificar os temas de varios. Segundo destacou Vania López, directora do Centro de Conservación e Restauración San Martín, dependente do bispado, destacou o valor artístico das pezas e mais a súa singularidade. As pinturas localizáronse por tras dos relicarios onde tamén apareceran os aneis de catro bispos da diocese.