O primeiro dicionario galego-ruso está dispoñible na rede

A obra achega 11.000 lemas e prevé ampliarse en vindeiras edicións

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:
O primeiro dicionario galego-ruso está dispoñible na rede

O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ten na rede desde este 29 de xullo en formato pdf o primeiro dicionario bilingüe galego-ruso. Aleksandr Dziuba, profesor e auxiliar de conversa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña é o autor desta obra, que lanza a propia Xunta, e que achega polo momento 11.000 entradas, coa intención de se ampliar ata as 40.000.

Para alén de incrementar o número de lemas presente na obra, o proxecto quere abranguer de cara ao futuro "tanto o léxico normativo, recoñecido pola RAG, coma palabras e mais expresións que actualmente se atopan fóra da norma estándar, a pesar de se empregaren no discurso escrito e na fala, que ademais aparecen nas obras clásicas e modernas da literatura galega", segundo informa Política Lingüística. Ademais, de cara a vindeiras edicións "planéase incluír un apéndice gramatical que conteña toda a información necesaria para saber as regras básicas da lingua galega".

Segundo adianta este departamento da Consellería de Cultura, "un dos obxectivos principais da obra lexicográfica é crear unha ponte directa entre as culturas galega e rusa, que permita facilitar o proceso de aprendizaxe de ambas as dúas linguas e o traballo de tradución de textos literarios ou específicos de galego a ruso sen ter que acudir aos outros idiomas mediadores (castelán, portugués, inglés etc.)."

Que che parece esta nova?
60 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Dicionario, Política Lingüística, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Portugués...