Manuel Xestoso recibe o Grande Prémio internacional de xornalismo Carlos Porto

O galardón vencellado ao Festival de Almada premia unha crónica publicada en Nós Diario

O galardón vencellado ao Festival de Almada premia unha crónica publicada en Nós Diario
Xestoso recibindo o premio Foto: Cámara Municipal de Almada
O xornalista cultural Manuel Xestoso (Tenerife,1966) recibiu este domingo o Grande Prémio Carlos Porto, do certame internacional de xornalismo convocado pola Cámara Municipal de Almada (Portugal) e que se entregou no marco do feche do 38º Festival de Teatro de Almada. O xornalista e crítico foi galardoado pola crónica sobre este mesmo festival publicada no xornal Nós Diario en 2020, baixo o título "O público é quen máis ordena". Segundo recolle Nós Diario, o xurado destacou que o artigo polo que mereceu este importante galardón, capta a "essência do festival, abordando a sua multiplicidade, recorrendo a testemunhos dos intervenientes. A escrita transporta o lector para a sala do espetáculo e para o ambiente do festival", indican. O xurado tamén menciona "a subtileza da crítica ao desinterese de algumas autoridades perante a cultura".

Xestoso desenvolveu tamén o seu traballo na Revista Galega de Teatro- Erregueté, A Nosa Terra ou Grial. Na actualidade forma parte do equipo de Nós Diario, como xornalista e crítico teatral e como coordinador do semanario Sermos Galiza. A cerimonia de entrega foi presidida pola Presidenta da Câmara Municipal de Almada, Inês de Medeiros e contou coa presenza de Rodrigo Francisco, director da Companhia de Teatro de Almada e Teresa Porto, viúva do patrón do premio. O premio, que toma o nome do crítico de teatro e dramaturgo Carlos Porto, un dos artífices do teatro contemporáneo en Portugal, "destínase a galardoar o autor do mellor texto, ou conxunto de textos, publicados na prensa portuguesa e estranxeira, que teña por obxecto o Festival de Almada".