Galicia Futura abre as súas portas no Gaiás

A terceira grande mostra do Xacobeo estará aberta ata o 9 de xaneiro de 2022

| Santiago. Redacción | Seccións: Ciencia
Compartir:
Galicia Futura abre as súas portas no Gaiás

Logo da inauguración institucional na mañá do 14 de xullo, ás 16 horas abre as súas portas na Cidade da Cultura Galicia Futura. A terceira das grandes exposicións programadas pola Xunta con ocasión do Xacobeo 2021-22 convida a imaxinar como evoluirá o noso país nos vindeiros anos. Comisariada por Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal Vera coñecidos nas plataformas dixitais como @deborahciencia e @elbarroquista, "a mostra toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda". A exposición poderá verse ata o 9 de xaneiro de 2022.

Ademais, o proxecto "afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos". O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, pola súa banda, apuntou que a mostra quere funcionar "como unha plataforma para dar a coñecer canto de innovación se está facer en Galicia", pero tamén como un "elemento reactivador do sector cultural". Nese sentido, a Consellaría investiu 200.000 euros para o desenvolvemento de vinte proxectos creativos específicos para o proxecto. Ademais, o proxecto supón, segundo el, "unha innovación en canto a contidos e formato, unha ampliación do que estaba a acoller ata agora o Museo Centro Gaiás, reunindo unha escolma artística de enorme calidade, pero colocando tamén a ciencia e a tecnoloxía nun lugar protagonista", a apostar polo diálogo entre disciplinas.

A comisaria Déborah García apuntou a intención do proxecto de "facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión e como a creatividade -inherente ao eido das artes pero tamén ao científico e tecnolóxico- unida ao talento e ao esforzo se traduce en pulos cara ao futuro en diferentes momentos da Historia". Miguel Ángel Cajigal destacou pola súa banda en que a mostra "convidará ás persoas visitantes a unha viaxe na procura das claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia xa desde o momento presente, preguntándonos como queremos que sexa o futuro de Galicia sabendo que é case máis importante o camiño que nos leva a este futuro que o destino en si mesmo".

Na listaxe de nomes que desenvolveron obras de xeito específico para o proxecto, a Xunta apunta "Oliver Laxe, a catedrática en telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas ou o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Carlos Salgado. Desde o ámbito científico, o comité asesor da exposición conta tamén coa médica e investigadora, coordinadora do Grupo Cellcom do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, María D. Mayán, e co catedrático de Química da Universidade da Coruña, Moisés Canle.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manuel Núñez Seixas; a profesora de Economía da mesma universidade, María Loureiro; o comisario e director da Fundación Didac, David Barro; o arquitecto Carlos Quintáns, a deseñadora Nuria Carballo ou a profesora de secundaria Marisa Calderón participan tamén neste proxecto, que conta ademais con profesionais máis vinculados ao mundo empresarial, de ámbitos como o tecnolóxico, agroalimentario, turístico ou do deseño.

Neste sentido, completan a listaxe de asesores nomes como os da deseñadora de proxectos en Insólito Diseño + Producto, María García Alén; o xerente da adega Vía Romana, Juan Luis Méndez; o manager en IBM Quantum Cloud and Software, Ismael Faro; o CEO e fundador de Torusware, Guillermo López Taboada; a presidenta do Cluster de Empresarios de Galicia, Patricia García; ou o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal".

A exposición completa a triloxía de grandes exposicións que a Xunta promove por mor do Xacobeo 2020-21, logo de Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós.

Que che parece esta nova?
78 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito