Anxo Manoel gaña o Torneo de Dramaturxia na MITCFC

Hoxe celebrarase o encontro Teatragal que debate sobre 25 anos de diálogo teatral entre Galicia e Portugal

Hoxe celebrarase o encontro Teatragal que debate sobre 25 anos de diálogo teatral entre Galicia e Portugal
Anxo Manoel coas actrices Sonsoles Cordón e Pía Nicoletti Foto: MITCFC
O V Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebrou un ano máis no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, deixou como gañador desta edición ao autor Anxo Manoel, co texto Utopía. Esther F. Carrodeguas foi a mestra de cerimonias da gala, celebrada na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Cangas e presentou o artístico combate no que catro recoñecidas sinatura da dramaturxia contemporánea galega confrontaron os seus textos interpretados por un electo de intérpretes ante o público na procura do seu voto. Os participantes foron Carlos Santiago, co texto titulado Libertalia República Fráxil; Fátima Delgado, con Meniña gaiteira; Lorena Conde, co texto Bombona de osíxeno e Anxo Manoel, con Utopía, que foi pola que se decantou o voto do público deste certame pioneiro en Galicia, que conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. O texto gañador contou coas interpretacións na súa lectura das actrices Sonsoles Cordón e Pia Nicolletti. Anxo Manoel (Lugo, 1978) é autor e actor, fundador da compañía teatral Lucecús Teatro.

Encontro Teatragal 25 anos
Tamén dentro da programación da MITCFC terá lugar hoxe xoves, no Auditorio Municipal, o encontro "Teatragal , 25 anos despois", que recupera o diálogo no eixo escénico atlántico que comezou fai 25 anos coa a estrea de Terra de Lobos, a primeira coprodución de Galicia e o norte de Portugal (Teatro do Noroeste de Viana do Castelo e Teatro de Ningures de Cangas) e que deu lugar ao 1º Teatragal, espazo de reflexión, de diálogo e de intercambio de experiencias. Foron encontros de ida e de volta no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo. Estes Encontros propiciaron e favoreceron posteriores proxectos compartidos e experiencias comúns que durante anos contribuíron á consecución dunha maior irmandade teatral. Hoxe lévase a cabo unha nova edición destes encontros, reflexionando de novo sobre a relación actual entre territorios e a evolución da creación teatral no último cuarto de século. Para iso reuniranse en Cangas, co investigador e director da ESAD, Manuel F. Vieites como moderador a: Chelo Pampillón (presidenta de FEGATEA); Fran Nuñez (director do Centro Dramático de Galicia); Marta Pazos (dramaturga e directora de Voadora); Elisabete Pinto (directora do Teatro do Noroeste, Viana do Castelo); Ricardo Simoes (director artístico do Teatro do Noroeste, Viana do Castelo); Rui Madeira (director da Companhia de Teatro, Braga); José Leitao (director do Teatro Art’Imagem, Porto); Carlos Santiago (dramaturgo, director e actor); Zè Paredes (dramaturgo, director e actor); Manuel Xestoso (escritor, tradutor e crítico teatral); Camilo Franco (escritor e crítico teatral); Xesús Ron (director de Chévere); Pepa Barreiro (actriz, Teatro de Ningures); Luma Gómez (actriz, Teatro do Noroeste); e María Barcala (actriz, Teatro do Atlántico).